'El Ilustrísimo' ingresa en prisión

Pontevedra
12 de setembro 2013

O Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra ordenou este xoves o ingreso en prisión provisional de Alejandro Portas Cancela, coñecido como 'El Ilustrísimo'. A decisión do xuíz prodúcese despois de que a Policía Nacional detivese o mozo veciño de Marín xunto a rapaz pontevedrés que actuou en media ducia de ocasións con el

O Xulgado de Instrucción número 3 de Pontevedra ordenou este xoves o ingreso en prisión de Alejandro Portas Cancela, coñecido como 'El Ilustrísimo'.

A decisión do xuíz prodúcese tras a detención por parte da Policía Nacional da Comisaría Provincial de Pontevedra deste mozo pontevedrés de 18 anos e dun dos seus compañeiros habituais, ambos os dous con múltiples antecedentes policiais, como presuntos autores dun delito de furto, dunha falta de furto e un deles ademais, presunto autor doutro delito de furto.

O segundo detido quedou en liberdade, pero 'El Ilustrísimo' foi enviado ao cárcere da Lama porque ademais deste e outros roubos acumula outro delito: incumprimento de condena. Diversos xulgados impuxéronlle como medida preventiva a súa comparecencia diaria no xulgado tras as súas últimas detencións e el non acudiu ás citas.

Estes feitos sucederon o día 9 de setembro, cando presentaba denuncia nestas dependencias a propietaria dun establecemento de hostalaría que sorprendera no interior do local un mozo que tras subtraer o diñeiro da caixa rexistradora, un total de 550 euros, saíu fuxindo a toda velocidade.

A raíz da denuncia iniciáronse as investigacións para descubrir a identidade do presunto autor do delito de furto que foi localizado polos axentes o día 10 de setembro nas inmediacións da rúa Camiño do Ferro, tras recibirse unha chamada da sala do 092 alertando da presenza deste individuo no lugar.

Unha vez detido foi trasladado a dependencias policiais onde se tramitou o correspondente atestado por un delito de furto.

Unha vez na Comisaría os axentes imputáronlle outro delito de furto que levara a cabo nun salón de peiteados en compañía do mozo de 18 anos que os axentes detiveron ese mesmo día pola tarde.

Este suceso tivo lugar o día 2 de setembro cando ambos os dous mozos accederon ao interior do salón de peiteados e subtraeron 49.50 euros da caixa rexistradora, unha carteira con documentación e 10 euros e un teléfono móbil valorado en 649 euros.

Por estes feitos foi detido o mozo de 18 anos tras ser localizado o día 10 de setembro, ás 17.30 da tarde A ambos os dous ademais impútaselles a falta de furto dun televisor do interior dun hostal da cidade, onde tras pasar a noite tres noites se foron sen aboar a correspondente factura, subtraendo o televisor do cuarto, valorado en 190 euros.