El Puerto de Santa María fíxase en Pontevedra para potenciar o seu comercio local

Pontevedra
22 de novembro 2019

A relación entre a aposta pola mobilidade peonil e o mantemento do comercio local foi un dos principais focos de interese no debate aberto tras a intervención da concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, en El Puerto de Santa María (Cádiz)

Anabel Gulías en El Puerto de Santa María
Anabel Gulías en El Puerto de Santa María / Concello de Pontevedra

A relación entre a aposta pola mobilidade peonil e o mantemento do comercio local foi un dos principais focos de interese no debate aberto tras a intervención da concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, en El Puerto de Santa María (Cádiz).

A edil acudiu como relatora para explicar a transformación urbana pontevedresa respondendo a un convite da Asociación de Empresarios CCA da cidade gaditana para intervir no Foro de Innovación, Comercio e Turismo.

O principal obxectivo do foro era, segundo o presidente dos empresarios, "tratar de forma profesional cuestións de interese comercial que poidan converterse nunha oportunidade ou non para o desenvolvemento comercial e turístico do centro histórico da cidade".

Con este fin, no foro estaban presentes representantes da corporación municipal, concelleiros e técnicos de turismo, comercio, medio ambiente, fomento, arquitectura e patrimonio, así como empresarios do comercio e da hostalaría, axencias de comunicación e representantes da policía local.

A presenza de Pontevedra foi requirida para participar neste encontro toda vez que desde a Asociación de Empresarios consideran "fundamental" para o desenvolvemento do centro de El Puerto, a mobilidade e a peonalización do mesmo.

Neste sentido, no debate posterior á intervención de Anabel Gulías tratáronse cuestións concretas como o posicionamento de Pontevedra ao respecto dos centros comerciais, as restricións de tráfico a motor no centro histórico, a cronoloxía que se seguiu no proceso, o papel da policía local ou a resposta da veciñanza durante o mesmo. 

As citas para Pontevedra no exterior non se deteñen e o vindeiro luns, o alcade de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, participará na xornada 'Soluciones para un mundo SOStenible' que terá lugar en Sevilla.

Trátase dunha xornada organizada por eldiario.es e que contará coa presenza de alcaldes de cidades andaluzas e non andaluzas para coñecer diferentes modelos de cidade. Na mesma mesa que Pontevedra participarán tamén as cidades de Málaga, Sevilla e Cádiz, que comentarán os principais fitos das respectivas transformacións urbanas.

No mesmo día, o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, participará na xornada 'Mobilidade Sustentábel. Agora ou nunca' na cidade portuguesa de Santo Tirso.

Nesta xornada, organizada polo Jornal de Notícias, Demetrio Gómez exporá a transformación urbana de Pontevedra nunha mesa redonda na que compartirá quenda co sociólogo Joao Pedro Matos Lopes, coa xeógrafa Teresa Sá Marques, e coa presidenta do Instituto de Cidades e Vilas com Mobilidade, Paula Teles.