Os elevados prezos do marisco e do peixe condicionan as ceas do Nadal

Pontevedra
21 de decembro 2025

No mercado de abastos pontevedrés teñen a esperanza de que as compras de última hora, que adoitan multiplicarse nos días previos ás datas sinaladas, salven un pouco as vendas

Vendedora da praza de abastos de Pontevedra
Vendedora da praza de abastos de Pontevedra / EFE - Salvador Sas

Coas ameixas a máis de 40 euros o quilo e a centolla xa por 50, os pontevedreses parecen ter reformulado os menús para as comidas e ceas do Nadal.

Así o indican desde a praza de abastos de Pontevedra, onde aseguran que as vendas caeron con respecto ao nadal pasado.

"Estamos a notalo sobre todo na ameixa. Subiu unha burrada, e como hai moi poquita polo temporal e as choivas, dispárase totalmente", explican desde Mariscos Emilio.

Unha semana antes de Noiteboa o quilo véndese a 41 euros, polo que moitos clientes se están decantando por opcións máis económicas.

O que máis se está vendendo é a centolla, todo un clásico destas datas, a pesar de que se aproxima aos 50 euros, mentres que nos peixes unha das alternativas a mellor prezo adoita ser a pescada, aínda que esta vez supera xa os 15 euros o quilo.

"Teño pedidos, pero noto que menos que outros anos", admite a pescadeira de Peixes e Mariscos Montse, que di que os máis previsores compraron xa todo para conxelar en novembro e así escapar das subidas da época festiva.

No mercado pontevedrés teñen a esperanza de que as compras de última hora, que adoitan multiplicarse nos días previos ás datas sinaladas, salven un pouco as vendas.

Subliñan as praceiras que, a pesar de ter moitos encargos para Noiteboa, "ese día colápsase de xente que non reservou nada", algo que confían que ocorra tamén este ano.

Iso si, avisan de que o prezo será aínda máis alto que o desta semana, entre outras cousas, porque a climatoloxía está a complicar o labor de pescadores e mariscadores.

"Non se pode saír a faenar, hai especies que é moi complicado porque hai moita ondada e mar de fondo. Para o percebe está a complicarse a campaña. Trabállase un día un pouco ben e ao día seguinte xa case non poden saír a faenar", afirma o presidente das confrarías galegas.

Ademais, José Antonio Pérez lembra que na ameixa, do mesmo xeito que o mexillón, afectou o episodio de biotoxinas coñecido como marea vermella e hai zonas aínda pechadas á extracción.

En canto ao peixe, o quilo de besugo rolda os 80 euros en lonxa e o de palometa os 100, mentres que o polbo móvese entre os 10 e os 16, en función do seu tamaño. Camarón e cigala andan xa tamén nos 100 euros.