Eliminado un punto de vertedura de augas residuais en Campelo cara á ría

Pontevedra
06 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

 Os técnicos do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, detectaron a presenza nunha inspección rutineira. A mostraxe tomada polo persoal da Xunta nun punto de evacuación de augas pluviais no porto de Campelo permitiu detectar a existencia da contaminación

Campelo, en Poio
Campelo, en Poio / Policía Local de Poio - Arquivo

Durante as inspeccións rutineiras que realiza o persoal do Programa de Control de Verteduras de Augas de Galicia en Poio detectábase un punto de evacuación de augas pluviais no porto de Campelo con vertedura á ría de Pontevedra.

Segundo informa a Xunta de Galicia, a mostra realizada permitiu detectar a existencia de contaminación, produto de filtracións de augas residuais na infraestrutura de rede de sumidoiros da zona cara á rede de pluviais.

Augas de Galicia, unha vez localizada esta situación, alertou ao Concello de Poio sobre esta deficiencia para que adoptasen as medidas oportunas para evitar a vertedura.

Nos últimos días, durante unha nova inspección, os técnicos da Xunta comprobaron a través dunha analítica que a reparación da infraestrutura de saneamento realizada polo Concello resolveu a vertedura.

VERTEDURA EN LOURIZÁN, EN PONTEVEDRA

Este domingo 7, a Xunta tamén informaba doutra vertedura detectada, nesta ocasión, na parroquia de Lourizán, no Concello de Pontevedra.

A orixe, segundo sinalan, detectouse nunha empresa do sector de hidrocarburos que canalizaba as augas sen depuración previa cara a un rego innominado.

Augas de Galicia requiriu aos responsables da instalación que adoptasen medidas correctoras oportunas para evitar a vertedura. Recentemente. segundo sinalan, os técnicos comprobaban o cese desta contaminación.