Eliminado un punto de vertido de augas residuais na parroquia pontevedresa de Salcedo.
Os técnicos do Plan de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, iniciaron as inspeccións tras a recepción dun aviso procedente do 112.
Os inspectores desprazáronse ao lugar da Cancela, identificando a orixe do foco na rede de saneamento que discorre pola beira dereita do leito do río Gafos. O vertido infiltrábase a través do terreo por onde vai soterrada a infraestrutura de saneamento, verificando os técnicos de Augas de Galicia a súa orixe mediante o emprego de trazador hidrosoluble.
Os técnicos da Xunta comunicaron a incidencia ao Concello de Pontevedra para que levase a cabo as actuacións correctoras precisas.
Nunha nova inspección xirada á zona, os inspectores de Augas de Galicia verificaron que o Concello executou melloras no pozo de rexistro da rede de saneamento onde se orixinaba a filtración, cesando deste xeito os vertidos contaminantes cara ao Dominio Público Hidráulico.