Eliminan un punto negro para a seguridade viaria en Portonovo

Sanxenxo
29 de maio 2020

A Consellería de Infraestruturas renova o paso salvacunetas que dá acceso ao barrio de Baltar, que presentaba diversas gretas que poñían en perigo a motoristas e ciclistas

O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, supervisa a reparación do paso salvacunetas de Baltar
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, supervisa a reparación do paso salvacunetas de Baltar / Concello de Sanxenxo

A renovación do paso salvacunetas que dá acceso ao barrio de Baltar, en Sanxenxo, serve para poñer solución a un punto negro de seguridade viaria en Portonovo. Os operarios da Consellería de Infraestruturas renovaron este elemento que soporta a diario o paso dun elevado tráfico de vehículos.

O Concello de Sanxenxo solicitou ao departamento autonómico a reparación do paso despois de constatar un grave risco, especialmente para o tránsito de bicicletas e motos, ao detectar importantes gretas e roturas na estrutura.

O novo paso salvacunetas combina formigón e ferro fundido para evitar afundimentos na estrutura e garantir o paso idóneo neste punto de acceso.

Os traballos, que xa están concluídos, tiveron un custo de 12.000 euros.