Elsamex encargarase do mantemento dos espazos públicos por 726.000 euros anuais

Pontevedra
28 de xuño 2022

Eva Vilaverde, concelleira responsable de Mantemento dos Espazos Públicos Urbanos, informaba este martes da adxudicación do contrato por un período de dous anos, prorrogables por outros dous máis. A súa proposta inclúe unha baixa porcentual do 13% sobre os prezos unitarios e a mellora dos equipos humanos, con catro operarios máis dos recollidos nas condicións dos pregos no concurso

Eva Vilaverde, concelleira de Mantemento dos Espazos Públicos Urbanos
Eva Vilaverde, concelleira de Mantemento dos Espazos Públicos Urbanos / Concello de Pontevedra

Eva Vilaverde, concelleira responsable de Mantemento dos Espazos Públicos Urbanos, anunciaba este martes a adxudicación do novo contrato de mantemento dos espazos de Pontevedra á empresa Elsamex por un montante de 726.000 euros anuais por un período de dous anos prorrogables por outros dous (1+1). 

Elsamex impúxose no concurso a outras tres empresas. Segundo a mesa técnica, esta entidade especializada na prestación de servizos de construción, conservación e mantemento de infraestruturas ofreceu a mellor oferta ao incluír unha baixa porcentual do 13% sobre os prezos unitarios e unha mellora dos equipos humanos respecto a as condicións establecidas nos pregos do concurso, con catro operarios máis.

A súa actividade centrarase en manter no mellor estado posible os espazos públicos urbanos a través do coidado de mobiliario, pintado, pavimentos e outras estruturas singulares. Segundo explicaba, Eva Vilaverde, a intensidade do uso e as actividades habituais na rúa provocan a necesidade de ampliar os esforzos para "manter e mellorar o estándar de calidade". 

A concelleira indicou que a empresa garante a presenza de tres brigadas con carácter permanente na rúa e un equipo de retén. Ademais para actuacións especiais como traballos de asfaltado ou ferraxería, a entidade adxudicataria estudaría a incorporación dalgún equipo máis. A estes grupos de traballo súmanse, por outra banda, as actividades que tamén desenvolven as brigadas municipais.

A empresa Elsamex, segundo explicou Vilaverde, dedicarase principalmente ao tratamento preventivo e correctivo nos espazos públicos tentando evitar que se rexistren incidencias, ao mesmo tempo deberán atender casos inusuais. Pola súa banda, as brigadas municipais encargaranse das emerxencias e das actividades que requiran inmediatez. O novo contrato inclúe entre as obrigas da empresa adxudicataria atender un maior número de casos de traballos de carpintería, ferraxería e tratamento de metal, pintados, vernizados, atención de estruturas singulares como muros, peches e pontes.

Para formalizar a contratación, Elsamex deberá presentar a documentación no próximos dez días hábiles e o goberno local espera que a acta de inicio se asine ao longo do próximo mes de xullo.