Emenda á totalidade do PP a unhas contas para 2024 que "dan la espalda" aos pontevedreses

Pontevedra
20 de decembro 2023

O orzamento para 2024 anunciado polo goberno municipal non gusta no PP. Aseguran que estas contas "dan la espalda" aos pontevedreses e contribúen ao "deterioro continuo" que aprecian en toda a cidade de Pontevedra nos últimos anos. Presentarán unha emenda á totalidade deste orzamento

Rafa Domínguez, portavoz do PP en Pontevedra
Rafa Domínguez, portavoz do PP en Pontevedra / Mónica Patxot

O orzamento para 2024 anunciado polo goberno municipal non gusta no Partido Popular. Aseguran que estas contas "dan la espalda" aos pontevedreses e contribúen ao "deterioro continuo" que aprecian en toda a cidade de Pontevedra nos últimos anos.

O portavoz do PP pontevedrés, Rafa Domínguez, confirmou este mércores que o seu partido presentará unha emenda á totalidade deste orzamento, ao entender que a súa aplicación sería "continuista e negativa" para os intereses dos cidadáns.

"Son la prueba del aislamiento del alcalde y del BNG", sinalou Domínguez ante a ausencia de negociación coa oposición. Os populares néganse a acordar as contas co goberno municipal "mientras no se reabra Reina Victoria", sostivo o dirixente popular.

Aos motivos que xustifican a súa emenda á totalidade, o líder do PP sumou o conflito cos funcionarios municipais e o "destierro" do mercado ambulante a Rafael Areses, "tres puntos de conflicto" que impedirán que os edís populares faciliten a aprobación dos orzamentos.

Rafa Domínguez reivindicou ademais a necesidade dunha Pontevedra "más limpia e iluminada", que se revitalice o mercado de abastos, que se aposte máis por barrios e parroquias, que se reforcen os servizos sociais ou que se melloren as instalacións deportivas.

Domínguez confía en que o 29 de decembro, data na que se celebrará o pleno extraordinario de orzamentos, o PSOE tamén rexeiten as contas para 2024 e os socialistas "no vuelvan a tragarse sus palabras" e sigan sendo "cómplices" do que sucede en Pontevedra.

"Son la muleta del señor Lores y, cada vez que lo necesita, le están apoyando", asegurou o dirixente do PP, que cre que os socialistas acabarán permitindo que se aprobe o orzamento mediante unha cuestión de confianza.