Emenda do PP aos orzamentos do Estado para reactivar o proxecto de senda entre A Seca e Combarro

Poio
09 de decembro 2020

O voceiro popular en Poio, Ángel Moldes, comenta que a continuidade desta senda ata Combarro é clave porque "permitiría maior seguridade peonil, axudaría a dinamizar outra parte de Combarro, axudaría a utilizar a zona da Seca como estacionamento para visitar Combarro e, sobre todo, unir Combarro coa Seca e con Campelo".

Ángel Moldes, voceiro do PP en Poio, e Ana Pastor, Vicesecretaria xeral de Política Social do Partido Popular
Ángel Moldes, voceiro do PP en Poio, e Ana Pastor, Vicesecretaria xeral de Política Social do Partido Popular / PP Pontevedra

O voceiro do Partido Popular de Poio, Ángel Moldes, e o concelleiro do PP por Combarro, Tucho Muíños, reuníanse cos deputados e senadores nacionais do seu partido para analizar a emenda presentada polo grupo parlamentario do PP nas Cortes Xerais aos orzamentos do goberno central para crear unha senda desde A Seca a Combarro, e que contou co voto en contra do PSOE.

"Cremos que a senda de A Seca a Combarro sería moi importante para Poio e que daría continuidade á senda que vai de Campelo á Seca e que se fixo realidade cun goberno do PP con Ana Pastor como Ministra e Mariano Rajoy como Presidente do Goberno", apunta Ángel Moldes.

O voceiro popular insiste en que a continuidade desta senda ata Combarro é clave porque "permitiría maior seguridade peonil, axudaría a dinamizar outra parte de Combarro, axudaría a utilizar a zona da Seca como estacionamento para visitar Combarro e, sobre todo, unir Combarro coa Seca e con Campelo".

Os populares de Poio queren que esta zona se converta nun "balcón á Ría de Pontevedra" e cren que é xusto e necesario que se realice este investimento.

O voceiro do PP de Poio insiste en que sería unha obra que axudaría moito a unir e crear un núcleo entre Campelo e A Seca e entre A Seca e Combarro.