Empezan as obras da senda peonil e ciclista que conecta Soutullo e A Lanzada

Sanxenxo
26 de abril 2016

A Xunta contratará no verán as obras da senda entre Soutullo e Major e licitará este ano o tramo que vai ata Portonovo

Ethel Vázquez no inicio das obras da senda da Lanzada
Ethel Vázquez no inicio das obras da senda da Lanzada / Xunta de Galicia

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, supervisou este martes o inicio das obras da senda peonil e ciclista que conecta Soutullo e A Lanzada, na estrada PO-308.

Vázquez avanzou que o seguinte treito a executar será o de Soutullo- Major, cuxa contratación das obras comezará no verán e indicou que tamén se licitarán este ano as obras do último tramo que vai ata Portonovo.

As obras de execución da senda entre Soutullo e A Lanzada, que se levará a cabo ao longo de case 2,8 quilómetros, contará cun investimento de arredor de 3,3 millóns de euros. As accións centraranse na execución dun itinerario peonil e ciclista que dará continuidade á senda existente actualmente na Lanzada.

Neste tramo realizaranse melloras nas interseccións; executarase unha glorieta na zona de enlace con varías vías secundarias, para garantir os cambios de sentido; e crearanse 200 novas prazas de aparcadoiro, apostando polo máximo aproveitamento. Ademais mellorarase a sinalización horizontal e vertical; acometeranse actuacións puntuais de rehabilitación do firme; e construiranse tres pasarelas de madeira para dar continuidade ao itinerario ciclista, ao ter que cruzar diversos leitos.

A conselleira explicou que estas obras contan cun prazo de execución de 15 meses, polo que estarán rematadas no verán de 2017. Precisou que durante o mes de agosto evitarase a realización de traballos, para interferir o menos posible no turismo e evitar as posibles molestias.