O auditorio do Pazo da Cultura acolleu este sábado o acto de presentación da nova Asociación Sociocultural Máis Cantos, un colectivo nado co obxectivo de empoderar a persoas de máis de 65 anos a través de actividades musicais e culturais.
O evento contou coa presenza do concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, e estivo conducido polo músico Nelson Quinteiro e a colaboradora do programa da TVG Larpeiros Leni Pérez.
Ademais de dar a coñecer os nomes dos membros xunta directiva da asociación, que conta con 30 membros fundadores e 80 numerarios, o acto tamén servirá para presentar os programas, a páxina web (www.maiscantos.org) e a revista de Máis Cantos.
O colectivo disporá dunha sede física que Benestar Social lle facilitou na Casa Azul.
Máis Cantos ten o seu xermolo en setembro de 2017, despois dunha experiencia previa e puntual destinada a crear unha cantada popular en masa. A iniciativa foi un rotundo éxito, pero sóubolles a pouco a moitos dos participantes, que idearon a formación dunha proposta semellante independente e de carácter permanente, durante todo o ano.
Deste xeito, varias mulleres de Marín lograron mobilizar a un grupo de máis de 50 persoas que, dende entón, leva ensaiando tódolos luns no centro sociocomunitario do municipio marinense, e simultaneamente abriuse un novo grupo na Casa Verde de Salcedo, con 20 alumnos. Varios meses despois púxose en marcha outro máis a través da Asociación de Veciños de Lourido (Poio), con outros 20 alumnos, sendo en total case un centenar de participantes nos ensaios permanentes de Máis Cantos.
Máis Cantos busca pois o empoderamento das persoas maiores de 65 anos mediante o desenvolvemento dun forte arraigamento e senso de pertenza, a creación de vencellos sociais, emocionais, intercomunitarios e interxeracionais (con grupos de amigos ou familias enteiras que participan nos ensaios e propostas).
Segundo sinala Nelson Quinteiro, ao conformarse como asociación, queren "ampliar horizontes e darlle un impulso á iniciativa para que se converta nunha ferramenta de grande utilidade social, implementando e proxectando novos programas que lle dean continuidade, amplíen os seus propósitos fundacionais, xeren emprego e, ao mesmo tempo, poñan en marcha propostas con reflexo social e asistencial para as persoas maiores e as súas contornas".
No acto do Pazo da Cultura tamén presentaron o programa "A Carón" que consiste na formación e posta en funcionamento dun equipo de profesionais altamente formados en música tradicional e popular, animación, protocolos hixiénicos, asistencia terapéutica, musicoterapia e improvisación (mediante o humor positivo), de cara a prestar un servizo de acompañamento individualizado (ben sexa a domicilio, en centro sanitario ou residencia) para persoas maiores e os seus coidadores, especialmente aquelas persoas máis dependentes ou con patoloxías asociadas á memoria.
E tamén o programa "Faíscas" que consiste na creación de ensaios permanentes e simultáneos enfocados a novos grupos de idade e segmentados na súa metodoloxía didáctica: nenos e nenas de 3 a 6 anos, de 7 a 11 anos e adolescentes de 12 a 18 anos.
Do programa "Achega" que son visitas conxuntas dos artistas e colectivos de cara a amenizar xornadas, celebrar eventos ou actividades festivas, transmitir información, sensibilizar sobre a misión do colectivo... Para elo, porase ao servizo dos seus colaboradores un catálogo de propostas escénicas e musicais segmentadas segundo os destinatarios: colexios, residencias, festivais, prazas, locais de hostalería, etc.
E finalmente o programa "Vida", enfocado ao colaborador particular. Baseándose no concepto de "conciencia solidaria", dende Máis Cantos ofrécense a poñer voz, música e ritmo aos momentos da vida. Con este obxectivo, porán ao servizo dos seus colaboradores particulares un catálogo de propostas escénicas e musicais, pero neste caso, bautizos e presentacións, comuñóns, tanto relixiosas como civís, vodas ou cerimonias de celebración do amor, cumpreanos ou incluso despedidas da vida.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.