Este xoves 6 de marzo, diante da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, tivo lugar unha concentración convocada pola CIG Administración Pública.
Luís Carballo Pose, secretario nacional do sindicato, destacou a urxencia de abordar a situación salarial dos empregados públicos no contexto da negociación dos orzamentos do Estado para 2025.
Carballo Pose sinalou que os empregados públicos perderon máis do 20% do seu poder adquisitivo nos últimos anos, a pesar dos acordos asinados polos sindicatos estatais, que considera insuficientes.
"Pedimos unha cláusula de garantía salarial que asegure que os salarios suban ao ritmo do IPC, ademais dun incremento adicional do 5% para recuperar o poder adquisitivo perdido", afirmou.
Entre as demandas do sindicato inclúense tamén a redución da xornada laboral a 35 horas semanais en 2025, con vistas a acadar as 32 horas en 2026, e a oposición á proposta do PSOE de atrasar a idade de xubilación forzosa aos 72 anos. A CIG propón, en cambio, a recuperación da xubilación parcial aos 61 anos, como ocorre noutros sectores.
Carballo Pose lembrou que desde 2010, co recorte salarial do 5% imposto polo goberno de Zapatero e as reformas laborais do executivo de Mariano Rajoy, os empregados públicos sufriron unha conxelación salarial que agravou a súa situación económica.
"Non hai un escenario orzamentario nin unha subida salarial prevista para 2025, e somos unha das clases traballadoras máis empobrecidas nos últimos anos", denunciou o representante sindical
A concentración forma parte dunha campaña máis ampla da CIG para esixir a convocatoria da mesa xeral de negociación, onde o sindicato nacionalista, como maioritario en Galicia, quere garantir os dereitos e melloras laborais dos empregados públicos.
