Emprego en Galicia ou en Asturias: a decisión que, segundo a Xunta, debe tomar o Goberno sobre ENCE

Pontevedra
16 de marzo 2021

O titular de Economía no goberno galego, Francisco Conde, entende que é unha "irresponsabilidade" por parte de PSOE e BNG "non afrontar a realidade". A decisión que hai que tomar, dixo, é "se Ence pode continuar ou non o seu labor industrial en Galicia"

Francisco Conde, conselleiro de Economía, Empresa e Innovación
Francisco Conde, conselleiro de Economía, Empresa e Innovación / Xunta de Galicia

O traslado de Ence "non é posible" en Galicia. Así de rotundo manifestouse este martes o conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sobre o futuro da pasteira. Se non pode continuar en Lourizán deslocalizará o seu investimento cara a Asturias.

"A alternativa xa está decidida", sinalou Conde ante os xornalistas en Pontevedra. Esta decisión "é inmediata" se o Goberno non "reflexiona", segundo o conselleiro.

O titular de Economía no goberno galego entende que é unha "irresponsabilidade" por parte de PSOE e BNG "non afrontar a realidade". A decisión que hai que tomar, dixo, é "se Ence pode continuar ou non o seu labor industrial en Galicia".

Socialistas e nacionalistas, segundo Francisco Conde, "deben decidir" se prefiren que esta actividade industrial e os postos de traballo que xeran "sexa en Galicia ou en Asturias".

Esta situación, segundo o conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, ten un "gran impacto" sobre o emprego e o futuro de Galicia, xa que afecta non só aos traballadores da fábrica de Pontevedra, destacou, senón a todo o sector forestal e ao ámbito lógístico.

A Xunta de Galicia, defendeu Conde, "imos a estar cos traballadores" ao entender que a actividade industrial de Ence na ría de Pontevedra "cumpre todos os parámetros" ambientais e urbanísticos. "Non hai motivo para que non teña a oportunidade de manterse", sinalou.

A "realidade", engadiu o responsable de Economía no goberno galego, é que "non hai ningún tipo de emprazamento" que permita trasladar a fábrica pasteira en Galicia. Será "responsabilidade" de PSOE e BNG, subliñou, explicar se prefiren que se vaia a Asturias.

Para Francisco Conde, a resolución deste conflito é "sinxela". Que o Goberno modifique o artigo 18 da futura lei de cambio climático, para que esta normativa non limite a 75 anos a permanencia en terreos de dominio público marítimo terrestre a empresas xa asentadas.

"Se iso é así xa non hai máis nada que falar", reiterou Conde, que con todo mostrou a disposición do executivo galego a formar parte dunha hipotética mesa de traballo para analizar o futuro de Ence na ría de Pontevedra.

"Os que non se queren sentar nin chegar a acordos son PSOE e BNG", concluíu o conselleiro.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora