A compañía viguesa Oresa será a encargada de executar o acondicionamento da parcela sobre a pasarela da rúa Doce de Novembro, que se converterá nun parque urbano.
Esta nova zona verde sobre a vía do tren, entre a rúa Joaquín Costa e a Rúa das Hortas, custará finalmente uns 643.000 euros, que foi a oferta presentada por Oresa.
A empresa, segundo explicou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ofreceu asumir dúas melloras relacionadas co mobiliario urbano e a nova iluminación.
Este proxecto, impulsado polo Concello de Pontevedra, será financiado pola Deputación de Pontevedra con cargo ao convenio asinado entre ambas as administracións.
O prazo de execución desta obra será de nove meses.
A obra estará dividida en tres zonas de intervención, da que a primeira, na zona máis próxima á calzada, terá solo de terra e converterase nunha zona verde. Levará unha liña de árbores para separar a calzada do espazo da pasarela.
Pola súa banda, a parte da cuberta do túnel, actualmente en formigón, pasará a ser unha zona de estar con diferente pavimento, como formigón branco e negro, na que se emprazará a maior parte do mobiliario urbano e que está pensada para paseo e xogo libre.
E, en terceiro lugar, a zona situada xunto ás fachadas traseiras dos edificios de Santa Teresa de Jesús Jornet manterase ao 100% en terra e será a principal área verde da contorna, con arboledo, xardín ou unha fonte.
O acondicionamento deste ámbito permitirá ademais acometer a conexión peonil con Santa Teresa de Jesús Jornet, que terá unha saída á nova pasarela e á Rúa das Hortas, cara aos novos edificios dos xulgados, mediante unha rampla.
Entre as árbores previstas para esta zona atópanse arces, cerdeiras, liquidámbares, cipreses ou unha xacaranda, segundo consta no proxecto.