En funcionamento a plataforma de formación en liña para acceder a contidos de SmartPeme

Pontevedra
22 de setembro 2021

A nova plataforma emprega o software libre Moodle e contará con achegas formativas actualizadas sobre novas tecnoloxías destinadas a persoas autónomas, emprendedoras e empresas usuarias do programa SmartPeme da Deputación de Pontevedra

Páxina web de SmartPeme da Deputación de Pontevedra
Páxina web de SmartPeme da Deputación de Pontevedra / Deputación de Pontevedra

A plataforma de formación en liña dirixida a persoas autónomas, emprendedoras e empresas usuarias do programa Smartpeme da Deputación de Pontevedra xa se atopa en funcionamento. Trátase dunha aplicación que utiliza o software libre Moodle e ofrece a posibilidade de acceder durante as 24 horas durante os 365 días do ano.

Este sistema ofrecerá unha selección de elementos formativos que se renovarán e actualizarán de maneira periódica, cun sistema sinxelo de manexo. Conta con diversas categorías de Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC); imaxe; Centro Provincial de Economía Dixital; Impulsa, un programa de competitividade global para os negocios; e TurisTIC, destinado a proxectos turísticos.

O programa ofertará vídeos explicativos, infografías e presentacións. Para acceder é preciso rexistrarse a través da ligazón https://smartpeme.depo.gal/gl/inicio ou a través do formulario que se envía coa información quincenal de Smartpeme.

As persoas rexistradas recibirán unha mensaxe confirmada o seu rexistro e poderán acceder aos contidos do Moodle para mellorar os seus coñecementos en cuestións relacionadas coa competitividade e as iniciativas dixitais.

Ademais a rede da Deputación seguirá realizando con carácter semanal diversas actividades para potenciar o tecido industrial e empresarial da provincia, segundo sinalan desde a institución.