En liberdade con cargos os detidos en Sanxenxo en relación á trama de Monbus

Sanxenxo
21 de marzo 2015

Foron os primeiros en prestar declaración ante a xuíza do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara. O resto de detidos, entre eles o propietario de Monbus Raúl López, pasarán a disposición xudicial durante a xornada deste sábado

Rexistro de axentes do SVA nunha das sedes de InterRías en Sanxenxo
Rexistro de axentes do SVA nunha das sedes de InterRías en Sanxenxo / Mónica Patxot

A xuíza do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara, comezou a tomar declaración aos dez detidos no marco da Operación Cóndor, centrada en investigar as actividades da empresa de transportes Monbus.

Os primeiros en pasar a disposición xudicial durante a xornada do venres foron os detidos en Sanxenxo.

Todos eles quedaron en liberdade con cargos. Trátase do director xeral de InterRías, Gustavo Fernández Chan; a esposa do propietario da axencia de viaxes, Isolina González; Rafael Casqueiro, xenro do propietario de Monbus Raúl López e director comercial do seu grupo; e Jesús Uriz Santé, xefe financeiro da empresa de transportes.

Gustavo Fernández e Isolina González pasaron varias horas respondendo ante a xuíza Piar de Lara antes de quedar en liberdade, mentres os outros dous detidos en Sanxenxo se negaron a prestar declaración.

A xuíza impuxo a Casqueiro unha fianza de 15.000 euros que poderá facer efectiva nos próximos días.

Segundo informaron dende o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, durante a xornada deste sábado está previsto que comparezan no xulgado o resto de detidos, entre eles Raúl López.

A Operación Cóndor centra as súas investigacións en posibles delitos contra a facenda pública, branqueo de capitais, falsidade, delito contable, tráfico de influencias e 'cohecho'.

Ademais das detencións, os axentes do Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA) practicaron o pasado xoves seis rexistros en Sanxenxo, ademais dun no Grove e un oitavo na cidade de Pontevedra.