En marcha a ampliación das beirarrúas no primeiro treito da avenida de Lugo

Pontevedra
31 de agosto 2024

As actuacións, que xa se están a desenvolver, amplían e continúan a beirarrúa existente á altura do número 27, dándolle continuidade ao eixo peonil de Loureiro Crespo e da Avenida de Lugo

Ampliación de beirarrúas no primeiro treito da Avenida de Lugo
Ampliación de beirarrúas no primeiro treito da Avenida de Lugo / Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra vén de poñer en marcha nos últimos días unha actuación de mellora para a accesibilidade e a mobilidade peonil na avenida de Lugo, á altura do número 27. Trátase dunha obra que permitirá a circulación a pé dun xeito máis seguro neste tramo, aumentando a beirarrúa existente nun punto onde se carecía da mesma.

Desde a área de servizos urbanos básicos, dirixida polo edil Xaquín Moreda, sinalan que esta é unha obra que aumentará a seguridade peonil na zona, ao tempo que se procura dotala dunha accesibilidade total. 

O goberno local explica que está é unha reforma "consensuada e demandada pola veciñanza do  lugar, e realizada en colaboración cos negocios da contorna".

Crearanse dúas prazas de carga e descarga a petición dos establecementos. O resto da zona de estacionamento queda tal e como estaba ata o de agora. 

A continuidade desta beirarrúa afonda na idea de propiciar un continuo urbano no eixo Loureiro Crespo-Avenida de Lugo, permitindo unha circulación segura para todas as persoas que viven neste punto.

As actuacións desenvólvense dentro do programa de mantemento da zona urbana, adxudicado a Elsamex, formalizado en agosto do 2022 cun prazo de dous anos, e que está próxima a iniciar a primeira das súas prórrogas, con data de finalización 23/08/2025.

Dito contrato encauza un investimento anual de 726.000 euros, para o mantemento da rede viaria e espazos públicos urbanos.

Esta actuación en concreto se enmarca dentro do sub-programa de mellora da urbanización de rúas en zonas da contorna urbana, ao igual que obras pasadas como a realizada na rúa  Arcebispo Xelmírez.