En marcha a ampliación dun viario na Aldea da Bouza, en Ribadumia

O Salnés
11 de decembro 2023

As actuacións teñen lugar en camiños de titularidade municipal na parroquia de Besomaño para satisfacer as necesidades da veciñanza, e mellorar a seguridade viaria. En total, estas obras supuxeron un investimento de 47.904 euros

Obras na Aldea da Bouza (Besomaño)
Obras na Aldea da Bouza (Besomaño) /

Na parroquia de Besomaño, no Concello de Ribadumia, o goberno local está a acometer actuacións dentro do proxecto de ampliación e mellora de camiño municipal e dotación de servizos no lugar da Aldea da Bouza.

Ata o momento do comezo das obras, este viario contaba cunha anchura que dificultaba o cruzamento de dous vehículos en dirección contraria.

Trátase dun viario que proporciona acceso a varias propiedades de explotacións forestais e fincas agrícolas, e conta tamén con presenza de vivendas próximas. Esta localización é de titularidade municipal e, nela, búscase a mellora xeral da accesibilidade mediante a ampliación da anchura da plataforma do camiño para permitir o cruzamento de vehículos e a mellora dos accesos a fincas e vivendas.

Por outra banda, con este proxecto búscase tamén unha mellora de drenaxe e recollida de augas pluviais mediante a execución de imbornais e cunetas conectadas con rede soterrada en continuidade con outros xa existentes. Tamén se limparán e repararán as cunetas existentes conectándoas coas novas canalizacións.

Estas obras supuxeron un investimento de 47.904 euros, dos cales a Xunta de Galicia achegou o 70%.