En marcha a elaboración dunha Guía Interactiva Turística dos Sendeiros Litorais de Sanxenxo

Sanxenxo
13 de febreiro 2024

Este novo recurso turístico ten un custo total de 14.900 euros e conta cunha subvención de 13.410 euros dos fondos Next Generation dentro da liña 1 para a "Transformación do Modelo Turístico cara á Sustentabilidade"

Sendeiro máxico da Lanzada
Sendeiro máxico da Lanzada / Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo creará unha guía turística interactiva dos sendeiros litorais do municipio mediante aplicación web e plataforma interactiva. 

Este novo soporte dixital estará formado por un visor cartográfico onde se localizarán todos elementos incluídos e un catálogo de fichas de cada un dos sendeiros. 

Este novo recurso turístico ten un custo total de 14.900 euros e conta cunha subvención de 13.410 euros dos fondos Next Generation dentro da liña 1 para a "Transformación do Modelo Turístico cara á Sustentabilidade".

O visor cartográfico e o catálogo de fichas contarán con ferramentas de procura e filtros para facilitar a experiencia dos usuarios. O acceso á aplicación da guía realizarase por medio de códigos QR e directamente desde a pantalla do móbil compatible con dispositivos Android e Apple. A aplicación actualízase en tempo real e enlaza cos sistemas de xeolocalización do propio móbil.

As fichas de cada sendeiro contarán con textos, documentos de interese sobre os recursos que se poden atopar no roteiro, fotografías, vídeo 360° e track gps. A plataforma e fichas estarán dispoñibles en 7 idiomas. 

Co obxectivo de garantir a información aos usuarios e facilitar a información e o acceso 24 horas á mesma, instalarase unha pequena placa informativa cos códigos QR de acceso á aplicación e descarga do folleto dixital turístico en cada un dos paneis de inicio.

Sanxenxo é líder en España en sendeiros Azuis con 8 roteiros con este distintivo que se prevén incluír neste novo recurso turístico.