En marcha a mellora da zona de xogos da Illa das Esculturas

Pontevedra
02 de agosto 2019

As actuacións, que inclúen a renovación do pavimento e a reposición de mesas, bancos e papeleiras no contorno desta área de lecer infantil, contan cun orzamento global de 45.639,69 euros

Mellora da zona de xogos do parque da Illa das Esculturas
Mellora da zona de xogos do parque da Illa das Esculturas / Concello de Pontevedra

A Concellería de Parques e Xardíns, que dirixe o socialista Iván Puentes, acaba de poñer en marcha o proxecto para a mellora integral da zona de xogos do parque da Illa das Esculturas, un conxunto de actuacións que conta cun orzamento de 45.639,69 euros e que incluirá a renovación do contorno desta área de lecer infantil. Os traballos, iniciados por unha brigada de operarios municipais na tarde do xoves, suporán a revisión completa de tódolos elementos de xogo, así como a substitución daqueles que se atopan en mal estado e a mellora estética dos mesmos mediante o seu lixado, pintado e aplicación de vernices protectores.

Segundo explica o concelleiro Iván Puentes, "este importante investimento tamén contempla a renovación do pavimento dos camiños do contorno, o chan de base de ‘garbanciño’ do parque infantil e os bordos de madeira que delimitan a zona". "Asemade, levarase a cabo a restauración reposición dos elementos de mobiliario, optimizando as condicións da área de descanso: mesas con bancos, papeleiras e bancos. Tódalas pezas de madeira que se atopen danadas serán substituídas por outras novas", sinala Puentes.

As actuacións de mellora da zona de xogos e do seu contorno faranse conforme ao deseño e singularidade orixinal da empresa á que foron adquiridos, a prestixiosa firma alemana SIK-Holz, caracterizada tamén pola seguridade e inclusividade dos seus elementos de xogo, mantendo a forma natural e estrutura da madeira. As obras prolongaranse alomenos durante cinco semanas.

FLORES E LIMPEZA

As brigadas do servizo municipal de Parques e Xardíns veñen desenvolvendo nestas semanas previas ás festas un intenso zafarrancho que incluíu a renovación e plantación de novas flores nas xardineiras de Benito Corbal, a Alameda e o talude de Raíña Vitoria, e a limpeza en profundidade da fonte das Palmeiras. Tamén se efectuou a sega e limpeza das rotondas das rúas 12 de Novembro, avenida de Lugo e Loureiro Crespo, así como a colocación de bancos en Joaquín Costa.

Tras rematar os traballos de eliminación de pólas en mal estado nos plataneiros, carballos e ameneiros da Alameda, as podas trasladaranse a vindeira semana ás 26 palmeiras dos xardíns de Vincenti.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora