En marcha Musigal, Depo en Marcha e Depo Aventura na Lanzada para 2023

Pontevedra
05 de novembro 2022

Este venres aprobáronse na Deputación as bases para a creación do catálogo de grupos de música provinciais que permitirá programar concertos. A institución provincial faise cargo do caché dos grupos e os concellos asumen a montaxe escénica. Tamén se están a tramitar os campamentos da Lanzada que se van desenvolver entre o 25 de xuño e o 9 de setembro de 2023

Participantes no campamento da Lanzada, Depoaventura 2019
Participantes no campamento da Lanzada, Depoaventura 2019 / Deputación de Pontevedra

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou a tramitación de tres das iniciativas da institución provincial como son Musigal, dentro do programa de cultura, e as actividades sociais 'Depo en Marcha e 'Depo Aventura', que se desenvolverán ao longo de 2023.

Musigal xa ten aprobadas as pases para crear un catálogo de grupos de música provinciais, que realicen música galega e en galego, para que durante o próximo ano os municipios de menos de 50.000 habitantes e especialmente os de menos de 20.000 residentes poidan solicitalos e ofrecer "concertos de alto nivel que sen esta iniciativa da Deputación non poderían realizar", indicou a presidenta Carmela Silva.

O caché dos grupos correrá a cargo da institución provincial mentres que os concellos encargaranse dos gastos de montaxe.

Durante 2022, a través de Musigal programáronse 56 actuacións noutros tantos municipios. Este ano reformúlase o catálogo para convertelo nun gran inventario de grupos e artistas. Ofrecerase información detallada, fotografías, integrantes e datos identificativos para que calquera persoa teña acceso e coñeza aos artistas. 

A inscrición neste catálogo poderase realizar entre o 15 de novembro e o 1 de decembro. Os concellos poderán solicitar os concertos unha vez que este documento estea creado.

DEPO EN MARCHA

Tamén se aprobaron as bases do programa que favorece o envellecemento activo das persoas maiores a través de obradoiros, formativos e de lecer. Segundo Carmela Silva, esta proposta permite tamén crear espazos de encontro e intercambio de experiencias. 

En 2023 ofreceranse un total de 130 talleres cunha participación estimada de máis de 3.000 persoas maiores. A presidenta provincial indicou que os talleres de habildades dixitais contaron cunha importante demanda ao solicitarse 23 cursos.

Estes curso, segundo explicou Carmela Silva, pretenden romper coa fenda dixital á que se enfrontan as persoas de idade avanzada.

DEPO AVENTURA NA LANZADA

Tamén se aprobaron as bases para os demandados campamentos de verán 'Depo Aventura' na Lanzada para o próximo ano. Estarán abertos para un número máximo de 1.540 escolares.

Desenvolveranse entre o 25 de xuño e o 9 de setembro. Establécense once quendas semanais coa participación de 140 escolares (70 nenos e 70 nenas) durante sete días, entre o domingo e o sábado. 

A oferta para participar está destinada a menores que naceran entre 2010 e 2015 e atópense empadroados na provincia. As prazas serán adxudicadas por sorteo e crearase unha lista de espera para cubrir baixas.