Radicalidade democrática e ética na política son os principios cos que os integrantes de En Marea queren preparar as próximas eleccións municipais, previstas para 2019.
Este domingo celebrábase no Centro Leste, en Pontevedra, a xornada sobre municipalismo na que a agrupación política establece os fins estratéxicos para a próxima cita coas urnas.
Luís Villares, portavoz de En Marea, acudía a este acto e manifestaba a necesidade de unir a todos os integrantes para traballar e ofrecer unha maior democratización das institucións e unha maior xustiza social. Entre elas, destacou que, a pesar de ser contrarios á existencia das deputacións, traballarán desde dentro desta administración para tentar loitar por lograr unha maior xustiza social.
Villares indicou que o Partido Popular, principal partido a bater nos comicios, ten que estar preocupado porque En Marea non ten previsto renderse. O obxectivo é buscar alternativas para defender os dereitos das persoas.
Tras esta xornada, a comisión designada para o plenario de marzo será a encargada de redactar un documento en que se sumen todas as achegas efectuadas ao longo desta xornada, que tamén se levou a cabo no resto de capitais das provincias galegas.