En novembro rematarán as obras de seguridade viaria na PO-308 ao seu paso por Raxó

Poio
09 de xullo 2019

A conselleira de Infraestruturas Ethel Vázquez supervisaba este martes as obras que se acometen entre Covelo e A Granxa, en Poio. Indicou que agora se está a rebaixar o ritmo dos traballos ante a circulación diaria por esta estrada de máis de 24.000 vehículos durante os meses de verán

Visita da conselleira Ethel Vázquez a revisar en Raxó as obras na PO-308
Visita da conselleira Ethel Vázquez a revisar en Raxó as obras na PO-308 / PontevedraViva

Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, achegábase este martes ata Raxó, no municipio de Poio, para comprobar o desenvolvemento das obras de seguridade viaria que se están acometendo na estrada PO-308 entre Covelo e A Granxa.

A titular das estradas galegas avanzou que as obras rematarán no mes de novembro. Sinalaba que se están levando a cabo con bo ritmo, que se rebaixa durante estes meses estivais debido á circulación diaria de máis de 24.000 vehículos por esta estrada do litoral.

Este itinerario en que se rexistraba un elevaddo número de accidentes, entre Covelo e A Granxa, xa foi executado nun 63%. Ademais se está desenvolvendo unha senda cunha lonxitude de 3,7 quilómetros, que permitirá realizar un percorrido entre Samieira e o final da travesía de Raxó.

Os traballos na área de concentración de accidentes espállanse ao longo de 4 quilómetros, segundo explican desde a Consellería, e contan con zonas de aparcadoiro, sistemas de recollida de augas, renovación da iluminación e unha nova capa de rodadura no tramo inicial da travesía de Raxó.

Se están a crear varias semiglorietas e dúas rotondas, ademais de carrís centrais de espera para levar a cabo os xiros e de aceleración e desaceleración que permitan aos condutores incorporarse ou saír da vía.

A conselleira afirmou que agora sairá a licitación a segunda fase do proxecto de mellora desta estrada entre Covelo e Samieira co obxectivo de que os traballos rematen en 2020.

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, que asistía a esta visita acompañado tamén polas máximas representantes dos outros dous partidos do goberno tripartito, Chelo Besada e Silvia Díaz, lembrou a necesidade de crear un novo viario interior que permita establecer unha alternativa ao alto número de vehículos que se trasladan por esta estrada cara a Sanxenxo. Neste sentido, Ethel Vázquez indicou que os gobernos de Poio e Sanxenxo deben poñerse dacordo e propoñer un trazado á Xunta de Galicia, atendendo aos seus Plans Xerais de Ordenación, para estudar unha futura circunvalación.

A visita estivo tamén marcada polo debate aberto durante a presentación entre representantes do goberno local e a conselleira sobre a necesidade de rebaixar a cota do tramo que parte desde a glorieta de Raxó ata a zona portuaria.