Coincidindo coa proclamación de Felipe VI como novo Rei de España, máis dun centenar de persoas concentrouse este xoves na Praza da Peregrina de Pontevedra. Fixérono para mostrar publicamente o seu rexeitamento á monarquía e reclamar a creación dunha república galega, social e democrática "plenamente soberana", que debe comezar, sinalaron, co recoñecemento do dereito a decidir dos cidadáns galegos.
No manifesto lido durante o acto, as organizacións convocantes recordaron que o nacionalismo galego está en contra da "farsa" que representa a monarquía española por ser unha institución "arcaica, antidemocrática, corrupta e antigalega" e por contribuír, apuntaron, a perpetuar un réxime político e económico "inxusto, cruel e corrupto que condena á fame e á miseria a millóns de persoas".
Por iso, esixen iniciar un novo proceso constituínte "resultado dun verdadeiro programa democrático e participativo que rompa coa herdanza franquista, coa segunda restauración borbónica (...) e que recoñeza o dereito de autodeterminación e a soberanía dos pobos". Pero rexeitan a opción do referendo, porque entenden que a democracia, a liberdade e a dignidade "son dereitos que se exercen e que non se poden someter a votación".
De aí que insistan en querer decidir sobre o modelo de Estado "que máis nos convén ", que, na súa opinión, sería unha república galega que permita construír unha Galicia "como país soberano, democrático, equitativo e solidario", seguindo a herdanza deixada por Castelao, Alexandre Bóveda e dos homes e mulleres que deron o mellor de si mesmos, mesmo a vida, por estes nobres ideais".
A Praza da Peregrina encheuse, durante este acto, pola bandeira tricolora galega, "símbolo aá nosa liberación", aseguraron estes colectivos, "a nosa bandeira republicana" representativa dun sistema que están convencidos "ha chegar máis cedo que tarde" e que permitirá, insistiron, que Galicia "se libere de toda caste de tiranía e se faga dona do seu destino".
A concentración, convocada por BNG, CIG, os Comités Abertos, Galiza Nova, a Liga Estudantil Galega e NOS-UP, concluíu coa tradicional interpretación do himno galego.