Na tarde deste martes 14 xaneiro, a presión veciñal e a intervención do alcalde de Poio, Ángel Moldes, lograban que o home e a muller que ocuparan ilegalmente unha casa na Avenida da Cruz, número 73, en Combarro, abandonasen a vivenda pacificamente.
Horas antes deste desafiuzamento, PontevedraViva conversaba con Encarnación M.M. e Antonio F.G., a parella que ocupaba a vivenda dende a noite do xoves 9, hai apenas cinco días.
Encarnación, luguesa de 52 anos, relataba que ambos "levamos un ano vivindo nun coche" debido a problemas económicos. "Tentamos conseguir un alugamento por todos lados, pero por ser de etnia xitana, non nos alugan", indicou.
A muller, que enfrontou problemas de saúde e económicos, sostiña que non pretendeu facer dano a ninguén. "Metémonos nunha casa que estaba aberta e é do banco (a Sareb). Non estamos a facer dano a un propietario particular, que iso non o quereriamos facer", argumentou.

Antonio, de 57 anos, dedícase á venda de cestos de vimbio que el mesmo fabrica. Atopámolo traballando as súas vimbias sentado nun banco con vistas ao mar. Sempre procuraba que quedase polo menos un dos dous na vivenda "para que non nos boten".
O home, oriúndo de Braga (Portugal), corroboraba o relato da súa parella. "Non somos mala xente, só buscamos un lugar onde vivir", asegurou.
Para Encarnación esta era a súa primeira ocupación, mentres que Antonio ten unha longa historia de vida en precario, "pero sen dar nunca un problema".
Conta que tivo que abandonar hai dous anos a última casa na que residiu ilegalmente porque os propietarios a venderon. "Para que me fose pagáronme 2.000 euros, e con ese diñeiro comprei a furgoneta". Un vehículo de pequenas dimensións que estacionaron xunto á vivenda de Combarro e que foi o seu fogar no último ano.
Ambos manifestaban a súa disposición a colaborar cos veciños e manter unha boa relación con eles. "Se os veciños queren, podemos limparlles o patio ou axudar no que se necesite", engadía Encarnación.
Mesmo ofrecíanse a pagar un alugueiro: "cos meus aforros e as miñas cosiñas, que vendo catro trapiños polos mercados, ou uns calcetíns, eu podo conseguir ata 250 euros, só pido iso, que me poidan deixar vivir aquí".

Recentemente a Encarnación acabóuselle o cobro do paro e non pode traballar por unha artrose avanzada. Houbo un tempo en que tiña emprego e casa para vivir. Como chegou a esta situación?, preguntámoslle.
"Perdes o traballo, logo non podes pagar, tes que saír das casas alugadas. A última era unha casa para aluguer de verán na Guarda, que era un bo señor e alugouma de inverno ata maio. Cando chegou o verán díxome que non me preocupase, que non me ía a ir á rúa e deume diñeiro para volver alugar unha casa, e puiden aguantar ata que quedei sen diñeiro".
Encarnación atravesou unha vida marcada pola traxedia e a loita constante. Dende moi nova, as adversidades foron as súas compañeiras de viaxe. Aos 14 anos, perdeu aos seus pais nun tráxico accidente de tráfico: "eu saín despedida e salveime". Criada polos seus avós, que tamén falecían prematuramente, aprendeu dende temperá idade o valor do sacrificio.
Co tempo, Encarnación converteuse en nai de tres fillos. A vida parecía sorrirlle ata que, aos 29 anos, a fatalidade volveu golpear á súa porta. O seu esposo, con quen casou aos 18, tamén perdía a vida nun accidente automobilístico. Ese doloroso episodio deixouna viúva e coa responsabilidade de criar soa aos seus tres pequenos, quen dependían dela para saír adiante.
O seu camiño levouna a diversas ocupacións, dende a venda ambulante ata traballar na industria de volantes para automóbiles en Estremadura. A pesar das dificultades, a súa determinación sempre foi o motor que a impulsou a seguir adiante.
Con todo, o verdadeiro desafío chegou cando o seu fillo menor, Manuel, foi diagnosticado con esclerose múltiple aos 18 anos. "Era un neno tan forte, cheo de vitalidade", di con bágoas nos ollos. A enfermidade avanzou co tempo, e hoxe, aos seus 30 anos, perdeu a capacidade de andar e de falar. "Crieino con todo o meu amor. E o que me pasou doe moito, moitísimo", expresa Encarnación, quen ata hai pouco puido coidar del en casa. Pero a falta de vivenda levouna a tomar a difícil decisión de ingresar a Manuel nunha residencia en Bóveda (Lugo), onde está a recibir coidados especializados dende hai un ano.

A situación económica de Encarnación volveuse precaria. Tras a finalización do seu subsidio por desemprego, tentou acceder a axudas sociais, pero a burocracia converteuse nun obstáculo. O seu desexo é claro: poder traer a Manuel a vivir con ela. "É a miña vida enteira", repite. "Fun á Cruz Vermella e non hai casas dispoñibles, a lista de espera é longa", lamenta.
Solicitou o ingreso mínimo vital e tiña en mente acudir aos Servizos Sociais de Poio. O requisito para cobrar calquera axuda é estar empadroada nunha vivenda. Por iso, vía na casa de Combarro a solución aos seus problemas. "Miramos o cartel de venda e comprobamos en Internet que era propiedade dun banco, por iso entramos".
Encarnación e Antonio ataron todos os cabos para conseguir o obxectivo de empadroarse. "A miña nora mandoume o día 5 de xaneiro unha carta certificada a este enderezo co meu nome, así demostro que eu vivo aquí", compartía con este medio mentres ensinaba o sobre, o mesmo que esgrimía para impedir o desafiuzamento.
A pesar das adversidades, Encarnación aférrase á esperanza. A súa maior ilusión é abrir un pequeno comercio, un soño que acariñou durante anos e que representaría unha maneira de poder gañarse a vida e custear unha vivenda na que reunir aos seus fillos. Manuel quedaría ao seu cargo e, de visita, os seus fillos maiores, as súas noras e as súas cinco netas, catro do fillo maior e a quinta, filla do segundo, que está a piques de nacer.
A diferenza doutros episodios da súa vida, no desafiuzamento da tarde deste martes 14 de xaneiro non estivo soa. Co apoio do seu compañeiro dende hai dous anos empeza un novo capítulo na súa complicada historia, onde tan só reclama un teito e unha vida digna.