A empresa Ence comunicou este venres un feito relevante á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) analizando o impacto que tería na compañía o posible peche da súa factoría de Lourizán derivado da decisión da Avogacía do Estado de inhibirse na causa aberta na Audiencia Nacional en relación coa prórroga da súa concesión concedida en 2016 por 75 anos. Cífrano en 185 millóns de euros
Na súa comunicación indican que o cesamento da actividade é un "improbable suposto", pero detallan que, no caso de que se producise, tería lugar un impacto único extraordinario ( one- off) na conta de resultados da contorna de 185 millóns, dos que 74 millóns de euros terían impacto en caixa, 43 millóns corresponderían a actuacións de desmantelamento e 16 millóns serían resultado da cancelación de contratos en vigor, un cálculo que basean na experiencia de desmantelamento da antiga fábrica de Huelva.
Ademais, contabilizan en 15 millóns o custo dun expediente de regulación de emprego de extinción total ao que se verían abocados. A cifra restante de 111 millóns non tería efecto en caixa, xa que responde a deterioración do activo.
Segundo os seus cálculos, aínda nese "peor escenario" do cesamento de actividade de Pontevedra, a empresa non pecharía. A fortaleza do balance da sociedade e o seu baixo endebedamento, unido aos altos prezos da celulosa previstos para os próximos anos, permitiríalles facer fronte á situación reformulando o seu plan estratéxico sen renunciar aos seus obxectivos.
Ence detalla no seu feito relevante que fan este cálculo co fin de facilitar a súa valoración económica ante ese "peor escenario", que sería o que se xeraría se perdesen no procedemento xudicial aberto ante a Audiencia Nacional en relación coa prórroga concedida polo Goberno en 2016 a instancias do Concello de Pontevedra. Perder esa causa xudicial supoñería "levaría aparellado o cesamento de actividade da Biofábrica" de Lourizán.
Ademais, lembra que no exercicio 2018, o EBITDA (Beneficios antes de intereses, impostos, depreciación e amortización) da Sociedade alcanzou os 291 millóns de euros, dos cales 245 millóns corresponden ao negocio de celulosa, e 99 millóns proceden da fábrica pontevedresa.