Ence deféndese das últimas críticas asegurando que xera "800 empregos directos, indirectos e inducidos" na bisbarra

Pontevedra
25 de abril 2015

Esta cifra, segundo a pastera, ascendería a 1.300 na provincia e a 5.048 en toda Galicia de acordo co informe realizado por KPMG en 2013 para analizar o impacto da actividade de Ence na comunidade

Un camión cargado de madeira entrando na fábrica de Ence en Lourizán Mónica Patxot

O presidente da Xunta de Galicia comparou recentemente o impacto de ENCE en Pontevedra co de Citroen en Vigo ou Inditex na Coruña, o que non tardaron en contrarrestar por un lado o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asegurando que as posibilidades para o marisqueo ou o turismo náutico xerarían "máis emprego que ENCE", ou máis recentemente Marea Pontevedra, que cifrou os postos de traballos directos da pasteira en 220.

Ante esas críticas a propia empresa quixo saír á palestra para defender o impacto que a súa actividade xera en Galicia.

Fíxoo mostrando os datos dun informe elaborado por KPMG en 2013, no que se cifran os empregos que xera a factoría de Lourizán en "800 directos, indirectos e inducidos en Pontevedra e a súa bisbarra".

Esa cifra, segundo ENCE, ascendería a 1.300 empregos na provincia e a 5.048 en toda Galicia, o que supoñería que o 30% dos traballadores do sector forestal da comunidade estarían relacionados con ENCE.

Segundo expón a pasteira, no Centro de Operacións de Lourizán están contratadas 330 persoas de xeito directo, pero "cada día na fábrica traballan aproximadamente máis dun centenar de persoas vinculadas a empresas contratistas que manteñen contratos de longa duración con ENCE".

Toda esta actividade transformadora de madeira xera, segundo a empresa sobre a base do informe de KPMG, unha achega ao PIB galego de 459,4 millóns de euros.