A Dirección de ENCE asegura que a última sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) di que "non é necesaria licenza municipal para obras contempladas dentro do Plan Sectorial de Incidencia Supramunicipal (PSIS)".
Nun comunicado a Compañía pasteira sinala a existencia de "interpretacións equívocas" desta recente sentenza sobre a suspensión e paralización de determinadas obras nas que estaba previsto o pasaxe de camións na fábrica de Lourizán.
Segundo os responsables da empresa de celulosas, o TSXG establece a necesidade de licenza municipal para as obras da báscula ás que se refire a sentenza, xa que considera que as mesmas non estaban dentro do marco do Plan Sectorial de Ence-Pontevedra. "No caso das obras da báscula, ao tratarse dunha obra menor e en principio desmontable, a compañía non valorou adecuadamente a súa inclusión no PSIS", admite ENCE.
Engade Ence que "a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia aclara que non é necesaria licenza municipal para as infraestruturas, dotacións e instalacións que se contemplen dentro do PSIS".
Finalmente, neste comunicado, Ence insiste en que está a actuar "dilixentemente en todas as actuacións executadas e en proceso de execución" na súa fábrica de Lourizán.
"A compañía está a asegurarse de que as actuacións que se proxecten atópense amparadas polo PSIS. Ademais, Ence comunica ao Concello de Pontevedra a execución das mesmas, así como a súa adecuación ao PSIS", remata o escrito feito público pola pasteira.