ENCE estuda recorrer á auga da EDAR para poder reanudar a súa actividade en Lourizán

Pontevedra
25 de agosto 2022

Esta sería, aclara a compañía, unha solución provisional que lles permitiría volver producir aínda que sexa a un ritmo "inferior ao habitual". Esta posibilidade non gusta nada no Concello de Pontevedra, para quen esta idea forma parte do "empecinamento" da empresa e da Xunta en buscar "calquera saída desesperada" para que a fábrica continúe na ría

A depuradora dos Praceres coa fábrica de Ence ao fondo Mónica Patxot

Tras case un mes sen apenas actividade, Ence comezou a estudar posibles alternativas para poder renovar a produción da súa fábrica en Lourizán. Polo menos, de maneira parcial. Para iso necesita auga e, ante o baixo caudal do Lérez, puxeron os seus ollos na depuradora.

A empresa, segundo adiantou a xornalista María Boullosa en Diario de Pontevedra, quere facer probas que lles permita saber se é posible rexenerar a auga da EDAR dos Praceres, unha instalación que está situada a escasos metros da factoría.

Esta sería, aclara a compañía, unha solución provisional que lles permitiría volver producir aínda que sexa a un ritmo "inferior ao habitual".

Ademais, Ence sostén que se as probas son satisfactorias este sistema de emerxencia podería utilizarse ante "eventuais situacións" de seca que se poidan producir no futuro.

Esta posibilidade, con todo, non gusta nada no Concello de Pontevedra, para quen esta idea forma parte do "empecinamento" da empresa e da Xunta en buscar "calquera saída desesperada" para que a fábrica continúe na ría, segundo a edil Carme da Silva.

"A escusa que eles comentaron para seguir aquí era a do caudal do Lérez, e aí seguen obcecados, mais vemos que para abastecer á poboación dá, pero non para o uso de Ence", reiterou a concelleira do BNG.

Dá Silva subliñou que "o maior problema ambiental que ten a ría é Ence", algo que ao seu xuízo ponse de manifesto con situación actual. Engadiu que, nestes momentos, "quedou claro" que o río Lérez non pode soportar un uso industrial da auga. 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora