ENCE nega usar combustibles "incompatibles" coa súa autorización ambiental e tomará "medidas legais" contra APDR

Pontevedra
18 de xullo 2019

Nun comunicado, Ence asegura que as acusacións da asociación ecoloxista son "falsas" e que só teñen a "evidente intención" de xerar alarma social e "danar a reputación" dunha compañía que, recordan, cumpre "folgadamente" a regulación ambiental vixente

Fábrica de ENCE na ría de Pontevedra
Fábrica de ENCE na ría de Pontevedra / Nacho Fuentes

A empresa Ence nega "rotundamente" que a compañía estea a incumprir normativa algunha nin estar a utilizar combustibles ou produtos que sexan "incompatibles" coa súa autorización ambiental, tal e como denunciou este xoves a Asociación Pola Defensa da Ría (APDR).

Nun comunicado, Ence asegura que as acusacións da asociación ecoloxista son "falsas" e que só teñen a "evidente intención" de xerar alarma social e "danar a reputación" dunha compañía que, recordan, cumpre "folgadamente" a regulación ambiental vixente.

Ence reitera que a súa fábrica de Pontevedra cumpre de xeito "escrupuloso" toda esta normativa, incluída a orde ministerial que regula o uso como combustible de aceite procesado. Nesta liña, apuntan que esixe a todos os seus provedores un certificado que avale que respectan os requisitos establecidos por esa normativa.

A fábrica de Pontevedra, segundo defende a empresa, realiza un control "rigoroso" de todos os seus focos de emisión, que son monitorizados unha vez por segundo por medidores calibrados por unha empresa acreditada.

Ademais, para controlar a calidade do aire nos arredores da fábrica, existe unha cabina da Xunta de Galicia situada en Campolongo. En paralelo, Ence dispón de dúas cabinas propias para reforzar o control da calidade do aire.

Esta acusación da APDR contra a fábrica de Ence en Pontevedra, lamentan desde a compañía, "súmase a outros ataques" contra a súa actividade "sen dubidar en recorrer ao medo e ao engano". Ante estas "torticeiras e inxustas mentiras", Ence advirte que emprenderá as medidas legais oportunas na súa defensa.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora