Ence pecha o primeiro trimestre con 12 millóns de euros de perdas

Pontevedra
28 de abril 2020

A pasteira achaca á caída do prezo da celulosa pola crise sanitaria os resultados dun primeiro trimestre no que, puntualizan, mantiveron os postos de traballo

Factoría de ENCE en Lourizán
Factoría de ENCE en Lourizán / Diego Torrado

Ence rexistrou perdas netas de 12 millóns de euros no primeiro trimestre do 2020 como consecuencia dos prezos da celulosa, os máis baixos rexistrados na última década, segundo a compañía. Con todo., informan nun comunicado que a produtividade e os custos da pasteira tiveron unha importante mellora tras os investimentos levados a cabo.

O primeiro trimestre do ano estivo condicionado pola crise do Covid-19 a nivel global, admiten desde a dirección da firma, que destaca que a aplicación temperá dos protocolos internos para previr e minimizar os riscos de contaxio permitiu á compañía manter operativas todas as súas plantas e manter íntegro o emprego.

Lembran desde a empresa que as biofábricas de Pontevedra e Navia xeran preto de 11.500 empregos de forma directa e que a compañía realizou en 2019 investimentos de máis de 160 millóns € nas súas plantas que redundaron en aumento do 9 % na produción de celulosa e un crecemento do 25 % nas vendas de celulosa.