Ence responde a Lores que "hai que estar preparado para a indignación e a protesta"

Pontevedra
30 de maio 2019

A compañía Ence vén de emitir un comunicado no que fai referencia ás últimas declaracións de Miguel Anxo Fernández Lores, o alcalde en funcións e candidato do BNG á Alcaldía de Pontevedra, sobre a suposta influencia da pasteira nos resultados das últimas eleccións municipais

Fábrica de ENCE co lazo verde na fachada
Fábrica de ENCE co lazo verde na fachada / Diego Torrado

A compañía Ence vén de emitir un comunicado no que fai referencia ás últimas declaracións de Miguel Anxo Fernández Lores, o alcalde en funcións e candidato do BNG á Alcaldía de Pontevedra, sobre a suposta influencia da pasteira nos resultados das últimas eleccións municipais.

Os responsables da celulosa respostan que "se se quere deixar sen o seu posto de traballo e sen o seu medio de vida a máis 5.000 familias de Pontevedra e do resto de Galicia, hai que estar preparado para a indignación e a protesta e non culpar a outros desta decisión".

Na noite electoral do pasado domingo nunha primeira análise dos resultados Fernández Lores sinalou que "durante este mes, e mesmo na xornada de reflexión, houbo unha ofensiva do Partido Popular-Feijóo acompañado de ENCE- Colmenares, que foi unha ofensiva absolutamente agresiva". Segundo Fernández Lores "aquí houbo un investimento económico potentísimo, de millóns de euros gastados por Ence para pedir o voto para o PP".

Este xoves a dirección da pasteira nun comunicado responde que "é falso que Ence realizase investimento algún con fins políticos ou para favorecer o voto a ningún partido político a nivel nacional, autonómico ou local" e asegura que "a compañía non buscou influír de ningún xeito nos resultados das pasadas eleccións municipais. Ence mantívose á marxe das campañas electorais dos diferentes partidos e dos seus intereses políticos".

Ademáis, Ence afirma que as concentracións e manifestacións "foron convocadas polos representantes dos traballadores" en defensa dos seus postos de traballo e os das empresas colaboradoras da fábrica de Lourizán e contaron cun "apoio moi importante da cidadanía" como "reflexo da preocupación social" pola continuidade desta industria.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en