O delegado de Ence en Galicia, Antonio Casal, sinalou ás bandeiras azuis conseguidas polas cinco praias da ría co distintivo europeo como unha "proba clara" da "calidade ambiental" da súa fábrica en Lourizán.
Segundo Antonio Casal esta é "outra mostra da calidade ambiental desta planta", así como o feito de que "ningunha praia desta Ría estea incluída no Informe 2018 de Bandeiras Negras que realiza Ecoloxistas en Acción".
O delegado de Ence asegura que todos os indicadores ambientais da fábrica están sometidos a un "rigoroso control a través de análises diarias da calidade do efluente a cargo de empresas acreditadas independentes", que se reportan ás autoridades ambientais de Galicia.
Casal sinalou que "máis aló dos datos, a calidade das augas que rodean a biofábrica de Pontevedra está avalada pola presenza de importantes bancos de marisqueo nos Praceres, así como nas localidades próximas de Lourido, Combarro e Raxó". E destacou que "todas as confrarías de mariscadores apoiaron a permanencia de Ence Pontevedra e a calidade da auga da Ría".
O delegado da compañía en Galicia indicou que o complexo industrial de Lourizán "volve mellorar a calidade de todos os seus parámetros ambientais, que se sitúan moi por baixo dos límites fixados pola normativa ambiental española e europea". Así, asegurou que o principal indicador do seu efluente, a denominada Demanda Química de Osíxeno, mellorou nun 44% durante o primeiro trimestre do ano respecto ao mesmo período do ano pasado, situándose un 59% por baixo do límite máximo que establece a Autorización Ambiental Integrada.
Así mesmo, segundo informa Ence, os últimos datos revelan que a Demanda Química de Osíxeno mellora nun 79% o rango máximo establecido na normativa europea BREF de mellores prácticas ambientais do sector da celulosa para este parámetro.