O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo este martes un encontro en París con Hermano Sanches Ruivo, tenente de alcalde da capital francesa e responsable dos asuntos europeos, co obxectivo de intercambiar impresións sobre o futuro das cidades.
Ambos dirixentes analizaron a situación das grandes e das pequenas urbes, como París e Pontevedra, así como a capacidade que teñen os seus rexedores para mellorar a vida dos seus veciños e veciñas con actuacións de recuperación do espazo público.
Fernández Lores aproveitou a súa estancia para trasladarlle a París o premio que lle concedeu as Cidades que Camiñan, que preside como alcalde de Pontevedra, no seu último congreso celebrado na localidade coruñesa de Carballo.
Este premio quere recoñecer o traballo realizado pola capital francesa pola recuperación dos espazos públicos para os seus cidadáns.
A viaxe de Lores a París enmárcase na súa participación unha entrevista do Canal Arte para que expoña o modelo de Pontevedra.
É a segunda parte dunha colaboración co Canal Arte que comezou o pasado 14 de outubro cando un equipo da canle especializada francesa se trasladou a Pontevedra a gravar unha reportaxe dentro dun especial sobre as cidades e o seu futuro.