Encontro dixital entre dirixentes do Igape e Emprego con autónomos e pemes para reactivar a economía

Pontevedra
07 de xullo 2020

Os dirixentes destes organismos repasaron todas as liñas de axudas que permanecen activas para axudar ao tecido empresarial a superar a crise da Covid-19 e adaptarse á nova normalidade

O director do Igape, Juan Manuel Cividanes; e o subdirector xeral de Emprego, Juan José Lirón, informan a empresarios do plan de reactivación económica da Xunta
O director do Igape, Juan Manuel Cividanes; e o subdirector xeral de Emprego, Juan José Lirón, informan a empresarios do plan de reactivación económica da Xunta / PontevedraViva

A Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia organizou este martes en Pontevedra un encontro dixital con empresarios no que o director do Igape (Instituto Galego de Promoción Económica), Juan Manuel Cividanes; e o subdirector xeral de Emprego, Juan José Lirón, explicaron de forma pormenorizada aos asistentes o plan de reactivación económica da Xunta e as diferentes axudas promovidas desde estes organismos para superar a crise económica derivada da pandemia da Covid-19.

Despois dunha breve presentación por parte do director de APE Galicia, José Ramón Caldas, o director do Igape tomou a palabra para explicar que desde o mes de abril a Xunta puxo ao dispor das pequenas empresas unha liña de crédito que tiña como obxectivo achegar liquidez a estas entidades. Así mesmo está en marcha o Plan Reactiva dirixido a empresas do sector comercio, servizos e turismo, dotadas en total con 18 millóns de euros para a compra de material de seguridade.

Doutra banda, o Igape ofrece tamén axudas para a dixitalización. "É un complemento á oferta de servizos de calquera empresa", valorou Cividanes. Nesta liña ofrecen axudas a través do cheque dixital de ata 12.000 euros para a adquisición de bens tecnolóxicos e co Exporta Dixital búscase fomentar as vendas internacionais.

A continuación tomou a palabra o subdirector de Emprego para detallar que o seu departamento ten ao dispor de autónomos e pemes un total de 48 millóns de euros a través de tres programas de axudas que os interesados poden xa solicitar. Así mesmo, o 9 de xullo publicarase no DOG un novo programa da consellería de Emprego dotado con 8 millóns de euros para a contratación de técnicos especialistas para organismos intermediarios, como asociacións de autónomos, agrupacións industriais ou consellos regulares. A misión destes traballadores será conducir a estas entidades cara a unha maior presenza nas plataformas dixitais.

"Das crises sempre se sae máis reforzado", asegura convencido Lirón, quen do mesmo xeito que ell dirixente do Igape, convidan a todos os autónomos e empresarios de Galicia a acceder ás oficinas virtuais destes departamentos para ler todas as ordes de subvencións. Moitas delas estarán activas ata, polo menos o 30 de setembro. Ademais, ambos os organismos ofrecen asesoramento telefónico e mesmo un servizo de consultoría gratuíto.