Enfado nos xuíces ante a "extremada imprudencia" do Subdelegado ao informar sobre o crime de Chancelas

Pontevedra
11 de febreiro 2014

Aos xuíces de Instrución de Pontevedra non lles gustou a comparecencia que protagonizou o subdelegado do Goberno, Antonio Coello, para informar sobre as detencións dos presuntos autores da morte do ancián de Chancelas. Aseguran que desvelou detalles sobre unha operación que se estaba desenvolvendo. Segundo transcendeu, as detencións non se completaran cando se convocou a roda de prensa

Aos xuíces de Instrución de Pontevedra non lles gustou a comparecencia que protagonizou o subdelegado do Goberno, Antonio Coello, para informar sobre as detencións dos presuntos autores da morte do ancián de Chancelas. Aseguran que desvelou detalles sobre unha operación que se estaba desenvolvendo. Segundo transcendeu, as detencións non se completaran cando se convocou a rolda de prensa.

Nun comunicado, apoiado polo xuíz decano de Pontevedra, Miguel Aramburu, os maxistrados cren "necesario" indicar que "consideramos extremadamente imprudente" revelar o contido dunhas dilixencias xudiciais "mentres estas aínda están sendo desenvoltas e sen comunicación algunha cos responsables xudiciais", neste caso o maxistrado do Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra, Germán Varela. Igualmente mostran o seu "desagrado" coa forma empregada para revelar o contido dunhas dilixencias declaradas secretas.

Os xuíces recordan que a información sobre unhas dilixencias de investigación pode supoñer afectar aos dereitos das persoas relacionadas cos feitos. "Esas persoas poden verse sometidas a un xuízo paralelo innecesario", di o escrito. Ademais, engaden que a información dada sobre unhas dilixencias que aínda non terminaron "pode afectar á propia investigación determinando a perda de fontes de proba ou de indicios relevantes para a mesma".

Antonio Coello compareceu ante os medios acompañado do coronel da Garda Civil de Pontevedra, Manuel Davó, para informar da investigación sobre o asasinato de Secundino P.A., o home de 84 anos ao que mataron a golpes hai unha semana na súa casa de Chancelas. En dita roda de prensa informou que a herdanza é a principal hipótese que manexan os investigadores e que levou á Garda Civil a deter a tres persoas.

A Xunta de Xuíces afirma no seu comunicado que comprende a necesidade de procurar dar información sobre asuntos que poidan ter interese xeral. Comprende, igualmente, "a necesidade de que por parte dos responsables políticos sexa dada conta de actuacións acordadas por eles". Pero engade que "con todo, non se pode esquecer, ao mesmo tempo, que as investigacións criminais son desenvoltas polos órganos xudiciais encargados da instrución, e que sempre teñen carácter secreto para quen non sexa parte no proceso e, en ocasións como neste caso, tamén para as propias partes".

"Entendemos que esas formas de actuacións poden afectar á eficacia das investigacións que desenvolvemos e vulnerar dereitos fundamentais das persoas afectadas, polo que agardamos que a prudencia determine o comportamento de todas as Administracións relacionadas coa investigación criminal", conclúe este comunicado oficial.