Durante a xornada deste venres, o deputado autonómico do Bloque Nacionalista Galego, Manu Lourenzo, e o portavoz municipal do BNG en Ponte Caldelas, Lito Muíños, facían públicas as tres emendas que a formación nacionalista presentou aos orzamentos da Xunta de Galicia para este ano 2021.
A primeira delas refírese á mellora do centro de saúde. Manifestan os nacionalistas que Ponte Caldelas leva anos reclamando melloras no centro médico da vila, máis necesarias nos actuais tempos debido á emerxencia sanitaria. Engaden que as instalacións quedaron obsoletas co paso do tempo, ao que se une a realización dunhas obras mal rematadas para crear novos espazos por mor da pandemia, como é o caso dunha sala de illamento sen ventilación e o almacén.
Outra das enmendas recolle a demanda por parte do BNG de investimentos para ir paulatinamente completando o saneamento do rural de Ponte Caldelas.
Na terceira enmenda solicítase a construción dunha senda peonil na PO-234. Lembran os nacionalistas que a estrada PO-234 tivo dúas remodelacións nos últimos dous anos e aínda está pendente unha terceira fase. É por iso que dende o BNG se reclama unha senda peonil, ao detectar que o novo acondicionamento da vía non deixa espazo para o tránsito a pé. Engaden que unha senda destas características permitiría a conexión peonil entre os lugares de A Sorreira e Laxoso, que se atopan a tan só un e dous quilómetros do centro da vila.