Ao longo desta semana, o Concello comezará un proceso de participación cidadá coa intención de que a sociedade interveña na elaboración da Axenda Urbana, o documento que sentará as bases do Marín do futuro.
O goberno local anuncia a convocatoria de mesas sectoriais sobre mobilidade, medio ambiente, benestar, urbanismo, emprego, economía urbana e circular, ademais de innovación dixital. Asociacións, empresas e diferentes institucións serán chamadas para participar nestes encontros.
Ademais, poñerase en marcha unha enquisa en liña para que calquera persoa participe e ofreza a súa opinión sobre os retos que debe abordar o municipio en diferentes ámbitos.
Tamén o persoal funcionario do Concello recibiu xa unha formación para coñecer o marco normativo da Axenda Urbana, que forma parte da global establecida en España para optar a financiamento dos fondos europeos.