A parroquia do Divino Salvador de Lérez foi o escenario elixido por Enrique Malvar para dar os seus primeiros pasos como sacerdote.
Recentemente ordenado na catedral de Santiago, o mozo de 25 anos regresou ao seu lugar de orixe para oficiar a súa primeira misa solemne o pasado 11 de xullo, no Mosteiro de San Salvador, coincidindo coa romaría de San Benitiño de verán.
Apenas unha semana despois, o sábado 18, celebrou tamén alí o seu primeiro bautizo.
"Para min foi un motivo de inmensa alegría poder celebrar esa primeira misa solemne en Lérez. É dicir, estrearme onde me bauticei, onde fixen a comuñón, onde me confirmei e verme rodeado de tanta xente que me coñece practicamente desde que levaba cueiros... foi unha inmensa alegría", afirma Malvar.
O novo sacerdote insiste en que a súa vocación xurdiu "dunha maneira moi natural". Lembra que a súa relación coa Igrexa comezou como a de "un mozo normal", que acudía a catequese "moitas veces obrigado e sen ganas".
"Ás veces era insoportable asistir. Non aguantaba os catequistas, nin a catequese, nada. Era un aburrimento", recoñece. Con todo, co paso do tempo, "fun collendo o gusto. Xa ía queixándome menos, facía misa de monaguillo, lecturas, cantos...".
O punto de inflexión chegou na adolescencia, cando un sacerdote da parroquia lanzoulle a pregunta que marcaría o seu futuro: "E a ti non che interesaría entrar no seminario e probar?".
A pregunta quedou roldando na cabeza e, tras finalizar o bacharelato e a selectividade, tomou a decisión definitiva.
"En xuño fago a selectividade e en setembro ingreso no seminario maior. Foi un momento concreto, algo natural. Un mozo de parroquia, como tantos, que podía facer unha carreira, pero decidiu entrar no seminario", resume.
Apenas unhas semanas despois da súa ordenación, Malvar explica que o seu futuro dependerá da decisión do bispo, que, tras reunirse cos seus vigairos e ver as necesidades da diocese e os perfís dos sacerdotes, "vai movendo segundo a necesidade e a personalidade de cada un".
"Se cadra un novo sacerdote que ten facilidade de palabra, pois pode estar mellor, por exemplo, nun grupo de mozos que nunhas parroquias de aldea con catro anciáns, ou ao revés. Se cadra hai un sacerdote que se lle dan mellor os enfermos e que vale para ser capelán de hospital, e se cadra non pode estar en determinada parroquia", indica.
O que está claro é que o contexto actual da Igrexa é diferente a outros anos.
"Cada vez somos menos e cada vez hai máis traballo", lamenta. Esta realidade atribúea tanto ao descenso da vocación como ao aumento de parroquias, hospitais e colexios que atender.
Aínda así, di que a actualidade "non se pode comparar con tempos pasados. Cada tempo é o que é. Que fan falta sacerdotes? Pois si, pero a Igrexa non se pode entender só con criterios humanos. Eu creo que a Igrexa a leva Deus.
Nesta liña, apunta que, aínda que o número de ordenacións non é o de décadas anteriores, na diocese de Santiago hai algunha ordenación cada ano. "Evidentemente non é como outros tempos, pero tamén a situación das parroquias, das familias, non é como antes", sinala.
Tras estas dúas primeiras celebracións, Enrique Malvar inicia unha nova etapa coa idea de "non mirar para atrás e chorar, senón ver o que temos, afrontalo con paz e acougo, porque é Deus quen dirixe, e chegar até onde poidamos".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.