Ensanchan a estrada de acceso á igrexa parroquial da Insua, en Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
13 de abril 2023

Os traballos, valorados en 54.500 euros, atópanse xa en marcha e puideron iniciarse grazas á colaboración veciñal, que cederon parte dos seus terreos para permitir a ampliación da calzada  

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, supervisa as obras de ampliación da estrada da Insua
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, supervisa as obras de ampliación da estrada da Insua / Concello de Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas vén de iniciar os traballos de ensanche dun vial municipal no lugar da Insua, en Ponte Caldelas. Trátase dunha das principais vías de comunicación do lugar, posto que ao final da estrada atópase a igrexa parroquial de Santa Mariña da Insua e tamén é vía de acceso para varios barrios da aldea.

Os traballos están a ser executados pola empresa Construcciones Vale SL, que resultou adxudicataria dos traballos no concurso público cunha oferta de 54.500 euros. A obra consistirá no ensanche da plataforma de rodaxe para mellorar a seguridade vial e crear dous carrís de circulación.

Previo á realización dos traballos, contouse coa firma dos propietarios das parcelas afectadas polo ensanche, que fixeron a cesión dos terreos para poder facer realidade unha demanda dos veciños e mellorar así unha vía de comunicación moi transitada.