O concelleiro de Cultura do Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez, informou este luns da reunión que manterá este próximo mércores con distintas entidades sociais da cidade que van participar nos actos de celebración do Ano Castelao, efeméride organizada con motivo do 75 aniversario da morte do ilustre galeguista.
Demetrio Gómez destacou que, de todos os méritos que se lle atribúen a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, "ten un moi especial, que Castelao quixo ser pontevedrés", algo que, segundo o edil do BNG, "demostrouno ao longo de toda a súa vida".
A súa casa na rúa Oliva, o seu paso polas aulas do instituto Val-Inclán, a súa participación nos faladoiros do Café Moderno, o local do Partido Galeguista na praza do Teucro, a fundación do Museo de Pontevedra e da Coral Polifónica, o traslado da fonte da Ferrería aos xardíns de Casto Sampedro ou o impulso da procesión da borriquita do Día de Ramos son algunhas das moitas moitas pegadas que deixou na Boa Vila.
"Eu débolle a Pontevedra o mellor da miña vida", escribía Castelao en 1947, tres anos antes da súa morte en 'O meu Pontevedra'.
O Concello da capital traballa agora nunha programación que "debe chegar a todos os ámbitos" e estendéndose ao longo de todo o ano.
Entre outras iniciativas, recuperarase a exposición "Castelao e Nós" ideada no ano 2000 pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, que reúne unha selección de debuxos significativos do autor, como o Álbum Nós (1931), Cousas da vida (1924-1925), Galicia mártir y Atila en Galicia (1937), e textos do seu libro de ensaio político Sempre en Galiza (1944), nos que reflexiona sobre a economía e a sociedade, a emigración, a lingua galega, as institucións, a guerra do 36 ou o nacionalismo.
"Estamos a ver a posibilidade de transformar o seu formato", indicou o edil de Cultura. Entre outros cambios ,preténdese adaptala para a súa divulgación en internet.
Tamén se queren recuperar os roteiros literarios "Meu Pontevedra. Camiñadas con Castelao" incluíndo a reedición dos folletos elaborados con ocasión da estrea desta iniciativa.
Pero Demetrio Gómez recalcou que o goberno local quere que os actos do Ano Castelao se organicen "colaborativamente" coas entidades sociais da cidade, algunhas das cales xa empezaron pola súa conta a organizar actividades con motivo desta efeméride, como son a Aula Castelao (organizadora da Semana Galega de Filosofía), a Coral Polifónica, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a Escola Profesional de Banda Deseñada e Ilustración 'O Garaxe Hermético', o Instituto Valle Inclán, o grupo de teatro Migallas, e até unha vintena de colectivos.
"Este ano Castelao está a servir para darnos conta, tamén, desta viveza que ten a sociedade pontevedresa para implicarse neste tipo de programacións", concluíu o concelleiro.