A entrada de auga en locais de Clara Campoamor en Vilagarcía reaviva a preocupación veciñal

O Salnés
12 de novembro 2025
Actualizado: 14:35

A céntrica vía reformada sufriu inundacións nas últimas horas e obrigou os comercios a instalar barreiras. Rexistráronse precipitacións de máis de 50 litros por metro cadrado

Zona de Vilagarcía onde se rexistraron novos asolagamentos
Zona de Vilagarcía onde se rexistraron novos asolagamentos / PontevedraViva

A rúa Clara Campoamor, no centro de Vilagarcía, volveu ser escenario de asolagamentos na noite deste martes durante o paso da borrasca que deixou máis de 50 litros por metro cadrado na vila, segundo os datos de Meteogalicia.

O episodio, que coincidiu coa suba da marea, provocou a entrada de auga en baixos comerciais dos edificios da zona, especialmente no tramo final da rúa xunto á Praza de Galicia.

Nesta rúa finalizou a reforma nestes días e vívese con preocupación esta incidencia que os veciños agardaban que estivera resolta.

Varios establecementos tiveron que improvisar barreiras para tentar evitar a entrada da auga masiva nos seus locais.

Os equipos de emerxencias realizaron ata nove intervencións por inundacións no municipio, a maior parte relacionadas co anegamento de rúas, garaxes e tendido eléctrico. 

Esta problemática non é nova para os veciños e comerciantes, que levan anos sufrindo os asolagamentos cada vez que coinciden fortes precipitacións e marea alta

Contorna que sufría asolagamentos en Vilagarcía
Rúa Clara Campoamor, que sufría asolagamentos en VilagarcíaPontevedraViva

O Concello anunciou que prevé reabrir a rúa este venres 14, unha vez finalice a instalación do mobiliario urbano, bancos e sistema de iluminación led.

O proxecto de mellora contou cun investimento de 660.000 euros.

A incerteza, con todo, persiste entre os residentes, que temen que as inundacións poidan repetirse no futuro se non se abordan medidas máis efectivas contra este tipo de episodios.

INCIDENCIAS NOTIFICADAS POLO CONCELLO

Segundo indica o Concello de Vilagarcía, entre as 20:30 e as 00:00 horas do martes rexistrouse unha situación meteorolóxica extraordinaria, cunha precipitación acumulada de 56 litros por metro cadrado en apenas seis horas, dos cales 35 caeron nunha hora e media, igualando a cantidade recollida durante toda a semana anterior.

Estes datos, achegados pola AEMET, coincidiron cunha preamar de 2,90 metros, agravando de forma decisiva os asolagamentos en múltiples puntos do casco urbano.

O Concello destaca que esta mestura de fortes chuvias e marea moi alta foi a principal causa das inundacións en rúas como Avenida da Mariña, Calle do Río, Clara Campoamor, Praza de España, Rodrigo de Mendoza, Doutor Tourón, Matosinhos, López Ballesteros, Ramón López Piñeiro, así como noutros espazos do Carril e de Vilaxoán.

A maior parte das incidencias debéronse ao nivel practicamente á mesma altura que o mar e non a problemas de atrancos nos sumidoiros.

Tamén se rexistraron desprazamentos de contedores de lixo e levantamento de arquetas, pero non se produciron caídas de árbores.

En relación á rúa Clara Campoamor, o goberno local sinala que a ampliación das tubaxes de saneamento de 600 a 800 mm tras a recente reforma permitiu un drenaxe máis eficiente e limitou a duración da inundación a 25 minutos desde a intervención de Protección Civil.

O servizo municipal incide en que, sen estes melloras, o nivel da auga tería sido aínda maior. Insisten, con todo, en que, en episodios excepcionais nos que coincidan choivas torrenciais cunha marea alta moi significativa, as capacidades técnicas, por moito que se melloren, son sempre limitadas.

Lembran tamén o atraso de máis de nove meses nas obras do tanque de tormentas, infraestrutura que debería servir para reter a auga temporalmente ata que a baixamar permita evacuala correctamente.