Entrada no inverno nas Rías Baixas con anticiclón de nadal

Pontevedra
22 de decembro 2023

Este venres 22 de decembro, as Rías Baixas recuperan ao igual que toda Galicia a influencia anticiclónica. Os ventos soprarán frouxos de compoñente norte e as temperaturas van situarse entre 6 e 17 graos. Esta situación de ceos despexados vai manterse ata mediados da vindeira semana cando está prevista a entrada dunha fronte que deixará chuvias

Imaxe de Meteogalicia neste venres 22 de decembro de 2023
Imaxe de Meteogalicia neste venres 22 de decembro de 2023 / Meteogalicia

O Nadal estará marcado nas Rías Baixas pola presenza dun anticiclón, que se recupera en toda Galicia desde este venres, día en que comeza o inverno oficialmente.

Espéranse durante este 22 de decembro ceos pouco nubrados ou despexados. Os ventos soprarán frouxos de compoñente norte con temperaturas que se situarán entre os 6 graos de mínima e os 17 de máxima, segundo indica o servizo de Meteogalicia.

Durante o sábado, toda Galicia quedará na influencia das altas presións, con ventos do nordés, frouxos en xeral e con intervalos de moderado no litoral atlántico. Espéranse néboas matinais. Os ceos permanecerán pouco nubrados en xeral. As temperaturas experimentarán un lixeiro descenso situándose entre 5 e 17 graos.

Durante a xornada de Noiteboa do domingo, Galicia continuará baixo influencia anticiclónica. Espéranse néboas matinais en zonas do interior, que deixarán ceos pouco nubrados ou despexados en xeral. As temperaturas manteranse sen cambios significativos. Os ventos soprarán frouxos, de dirección variable.

A próxima semana iniciarase, na xornada de Nadal, con influencia anticiclónica, con tempo seco e temperaturas sen cambios.

Será a últimas horas do martes 26 cando chegue unha fronte que deixará precipitacións en toda Galicia a partir do mércores 27 cunha subida de temperaturas, que se situarán entre os 8 e os 12 graos.