O Concello de Barro emitiu un aviso dirixido á poboación co obxectivo de previr picadas e incidentes derivados do contacto accidental con niños de avespa velutina.
As autoridades locais explican que o final da primavera e o transcurso do verán constitúen os períodos de maior risco para os operarios e particulares que realizan tarefas no monte ou nas explotacións agrícolas.
A presenza de niños ocultos na maleza, no chan ou nas árbores pode provocar reaccións defensivas nos insectos ante labores cotiás.
O uso de maquinaria, os golpes accidentais ou o propio ruído dos motores actúan como desencadeantes de ataques inmediatos por parte desta especie.
O protocolo difundido polo consistorio recolle varias pautas técnicas para minimizar os riscos durante as xornadas de traballo no sector primario:
-
Inspección previa: Realizar un recoñecemento visual detallado do terreo, árbores e silveiras antes de iniciar calquera actividade manual ou mecánica.
-
Labores de roza: Manter a vixilancia ante o movemento de insectos e deter a actividade de xeito inmediato en caso de detectar movementos sospeitosos.
-
Organización: Evitar a realización de traballos en solitario en zonas illadas e comunicar a localización exacta a outras persoas.
-
Vestimenta: Utilizar pezas grosas que cubran a totalidade do corpo, tendo en conta que os tecidos convencionais non impiden as picadas e que a protección total só se logra con traxes especializados.
A campaña informativa lembra o funcionamento dos canles de comunicación institucionais segundo a gravidade da situación.
Para os casos nos que simplemente se localice un niño sen que exista unha situación de perigo activo, os cidadáns deben avisar a través do número de teléfono 012 para proceder á súa retirada.
Polo contrario, se se produce un ataque ou unha picada, a chamada de emerxencia debe realizarse directamente ao 112 para activar a asistencia sanitaria.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.