Entran en vigor as medidas de capacidade e horarios decretadas pola Xunta cara á "nova normalidade"

Pontevedra
23 de outubro 2021

A partir deste sábado, os espazos tanto interiores como exteriores poderán asumir un 100% da súa ocupación. A hostalería terá autorización para abrir ata as 01.30 horas durante venres e sábados mentres que o resto da semana só ata as 01.00 horas. As salas de festa e discotecas poderán abrir calquera día da semana ata as 05.00 horas

Xente con máscaras por Pontevedra Cristina Saiz

Este sábado 23 de outubro, desde as 00.00 horas, entran as novas medidas decretadas pola Xunta de Galicia en relación coa ocupación dos establecementos e os controis de peche de locais de lecer nocturno.

As medidas sanitarias publicadas no DOG ao redor das 20.00 horas deste venres establecen que seguirá sendo obrigatorio o uso de máscaras para as persoas de seis ou máis anos cando se atopen en espazos pechados de uso público ou abertos ao público, aínda que se poida garantir a seguridade interpersoal de 1,5 metros. Tamén nos casos en que se atopen na vía pública ou en espazos ao aire libre e non resulte posible manter a distancia de seguridade entre non conviventes. Tamén nos medios de transporte e nos eventos multitudinarios ao aire libre cando se atopen de pé ou, en caso de estar sentados, non se manteña a distancia entre persoas.

En relación coas medidas de cabida, increméntanse a practicamente o 100% da ocupación en todos os ámbitos, tanto en zonas interiores como exteriores, en establecementos e locais comerciais; hoteis, albergues e aloxamentos turísticos; mercados ao aire libre; academias, autoescolas e centros privados de ensino e centros de formación; e lugares de culto. 

En canto aos horarios, o DOG establece que a hostalería terá un horario de apertura ata as 01.30 horas durante as noites dos venres e os sábados, mentres que os días restantes veranse obrigados a pechar as súas portas ás 01.00 horas.

O lecer nocturno terá tamén unha opción de apertura, durante venres e sábados, que se estenderá ata as 04.30 horas mentres que o resto das xornadas, o peche establécese ás 04.00 horas. Pola súa banda, as discotecas e salas de festa poderán abrir ata as 05.00 horas calquera día da semana.

Para acceder a un establecemento de lecer nocturno será necesario acreditar o certificado de vacinación.

En canto a feiras, congresos e actos profesionais permítese o desprazamento dos asistentes polos espazos cunha capacidade limitada ao 75%. Permítese a realización de cócteles con público de pé, debendo utilizarse a máscara e só quitala para o consumo a distancia interpersoal entre non conviventes.

En canto a medidas excepcionais levántanse e as persoas que se atopan en residencias poderán saír como facían en tempos pre pandemia. Ademais, aceptaranse visitas nestes centros con cita previa e mantendo as precaucións sanitarias.

O DOG conclúe reclamando aos concellos a adopción de medidas que axuden ao control das aglomeracións de persoas en lugares e espazos públicos nos que non se respecten as medidas de seguridade e de distanciamento social, especialmente cando se realicen actividades prohibidas ao consumo grupal de bebidas alcohólicas en espazos públicos, en clara referencia aos botellóns. Especifica, ademais, que en rúas e zonas de concentración de actividades de hostalería e restauración, ou nos establecementos de lecer nocturno, os  concellos deberán adoptar medidas de control e vixilancia para evitar que se produzan aglomeracións de persoas que consuman alcol.