Entre concelleira ou decana, Emma Torres elixe o primeiro

Pontevedra
08 de outubro 2015

Debido á "complexidade para compaxinar" o cargo coas súas responsabilidades como tenente de alcalde no Concello do Grove, Emma Torres presentará a súa renuncia como decana de Ciencias Sociais e da Comunicación

Emma Torres, decana da Facultade de Ciencias Sociais
Emma Torres, decana da Facultade de Ciencias Sociais / Universidade de Vigo

A decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Emma Torres, presentará proximamente a súa renuncia como máxima responsable deste centro do campus pontevedrés. A súa decisión está motivada pola "complexidade para compaxinar o cargo" coas súas obrigas como primeira tenente de alcalde e concelleira de Turismo, Cultura e Comercio no Concello do Grove, cargo que asumiu tras as eleccións municipais do pasado 24 de maio.

Torres, que xa comunicou a súa decisión aos responsables da institución académica, formalizará a súa dimisión nas próximas semanas, co propósito de "poder realizar o peche do exercicio económico e deixar todo preparado para o novo equipo".

Nese senso, esta profesora do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade sinala que a súa decisión "xa foi comunicada tanto aos compañeiros e compañeiras do departamento e da facultade, como ao reitor e ao vicerreitor de campus", e incidiu en que, ata a presentación da súa dimisión e a convocatoria de eleccións, o seu propósito é que "o decanato continúe funcionando con normalidade".

Torres foi elixida decana pola Xunta de Facultade en xullo de 2014, á fronte dun equipo que completan os vicedecanos Alberto Dafonte, José Pita, Beatriz Legerén e Xosé Mahou, e a secretaria académica Silvia García Mirón. Define o seu período á fronte da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, na que continuará como docente, como “unha etapa breve, pero intensa, nun centro que funciona moi ben e cun gran futuro”.