Entre ratas, verteduras e equipamento abandonado, os veciños de Fontesanta claman unha solución

Pontevedra
23 de xuño 2024

Os veciños da Urbanización Fontesanta quéixanse que o Concello non realiza o mantemento das zonas catalogadas como "equipamento público municipal": pistas deportivas, beirarrúas, estradas e zonas verdes, ademais da existencia de un vertedoiro incontrolado de todo tipo de lixo

Iván, Mariló, Ovidio, Carmen e Javier posan diante das pistas deportivas municipais abandonadas dende hai máis dunha década Mónica Patxot

Foron noticia en 2021, cando contaban que "as ratas dos sumidoiros cómennos os cables, quedamos sen Internet e quedaremos sen luz". Tres anos despois, achegámonos á pontevedresa Urbanización de Fontesanta, situada na proximidade do Hipermercado Carrefour en Salcedo, avisados polos residentes que admiten "non poder máis". Neste tempo "o Concello non fixo nada, só limpou a rúa de acceso, pero a sucidade e a deterioración en todas as outras rúas continúa", completan estes veciños.

Nesta ocasión, recibe a PontevedraViva son un grupo de catro veciños: Mariló, Carmen, Ovidio e Javier. Representan a todos os residentes. Un dos puntos críticos, afirman, atópase nas pistas deportivas municipais, en estado de abandono dende que en 2012 a obra foi recepcionada polo Concello de Pontevedra e as dúas canchas de tenis e unha de pádel pasaron de ser privadas e coidadas polos residentes a públicas

Tal é a deterioración desta área deportiva que podería chegar a producirse un accidente debido a que as mallas do valado perimetral soltáronse da súa suxeición e, oxidadas, caen cara ao exterior, con perigo de desprendemento en días de vento forte.  

Xunto a estas pistas, atopámonos unha zona verde onde o Concello levou a cabo recentemente tarefas de roza, aínda que para os residentes falta un mantemento máis continuado, ademais da necesidade de dotala de bancos e papeleiras. Este pequeno parque é lugar de visita habitual para os habitantes do barrio de Fontesanta, un núcleo edificado a mediados do século pasado con vivendas de Protección Oficial.

Este barrio linda coa urbanización. Iván é un dos seus habitantes. Atopámonolo mentres pasea o seu can. Este cidadán corrobora as queixas dos residentes na urbanización. Ademais, engade outra experiencia persoal, que vive habitualmente cando no seu roteiro co seu can atópase a grupos de rapaces reunidos nunha sorte de bancadas xunto ás pistas deportivas.

"Adoitan estar bebendo e supoño que fumando porros, iso é o de menos, o preocupante é que lanzan as botellas ás pistas e ao camiño, xa vedes que está todo cheo de cristais e calquera pode facerse moito dano", comenta Iván.

As beirarrúas tamén arrastran a falta de mantemento. "Somos os propios veciños os que imos limpando e arrincando as herbas diante dos nosos muros, cando debería ser o Concello o que se faga cargo", laméntase Carmen. "Polo menos arranxaron antes das eleccións algunhas baldosas", anota Ovidio. 

Que os propios residentes se fagan cargo do mantemento non é novo. Dende hai anos asumen a limpeza das tres vías peonís empedradas que cruzan a urbanización e que, nos meses chuviosos, debido ás malas herbas e o verdello son totalmente impracticables. "Contratamos a limpeza destes camiños cada tres ou catro meses e cústanos mil euros cada vez, tamén plantamos uns arbustos", aclara Mariló. O último destes traballos foi hai escasas semanas.

Camiñando pola calzada tamén se aprecia o firme irregular, con perigosas fochancas, "máis dunha moto levouse un bo susto", argumentan. Un dos máis rechamantes atópase na rúa Fotógrafo Pintos, xunto a un dos lombos que fai uns tres anos se instalaron nas estradas da urbanización e que provoca que os motoristas, os principais damnificados, se topen de bruzos con este obstáculo unha vez superada a subida e baixada polo lombo redutor de velocidade. "A calzada leva 26 anos sen tocar e de súpeto póñennos estes lombos", apunta Ovidio.

Este veciño retrotráese aos anos 90, cando empezou a parcelarse a urbanización e a levantar as primeiras vivendas. En 1999 foi Javier o terceiro propietario que tomou posesión do seu chalé. Como membro da directiva da asociación de veciños está a recompilar toda a documentación dos últimos 12 anos de loita para poder retomar as reclamacións ao Concello, despois de anos de escritos por Rexistro e visitas aos técnicos municipais que nunca deron froitos.

"Non estamos a pedir nada que estea fora da legalidade. Queremos o mesmo que teñen os demais cidadáns"

Explica Javier que o problema arrinca moito máis atrás do momento da recepción da obra en 2012. Foi a promotora a que tivo os seus primeiros encontróns co Concello, nos últimos anos 90, xa que "o proxecto que entón presentou a promotora, hoxe xa desaparecida, non se correspondía coas obras realizadas". Os principais damnificados foron os compradores, que descoñecían que o proxecto estivese "viciado". Durante unha década víronse obrigados a pagar a auga de obra, cun incremento notable con respecto ao prezo que abona calquera usuario particular. E máis recentemente tiveron que ceder ao Concello parte dunha parcela comunitaria destinada a zona de recreo, piscina e local social. "A partir disto tamén tivemos problemas de alturas e de edificabilidade", matiza.

En todo caso, lembran estes propietarios que eles cumpriron emendando todas as irregularidades que foron detectando. Agora, simplemente piden que o Concello cumpra coa súa parte. "Non estamos a pedir nada que estea fora da legalidade. Queremos o mesmo que teñen os demais cidadáns. Somos unha rúa, unha vía pública, e queremos limpeza. Nada máis", sinala.

Mariló intervén para lembrar que "todos pagamos puntualmente os nosos impostos, eu pago un IBI de 1.200 euros e a miña veciña de enfronte 2.200, evidentemente pagamos tanto porque temos moitos metros cadrados, pero, aínda así, como todos os cidadáns, ese pago implica o dereito ao mesmo mantemento que ten unha persoa que viva en Benito Corbal ou en Eduardo Pondal, por exemplo".

Entre estes impostos, a taxa de lixos, unha nova fronte aberta nesta urbanización. "Moveron os contedores e agora están nunha zona máis escondida, hai moitos farois fundidos de hai máis de dous anos e de noite apenas se ve. Case a diario atopámonos con verteduras incontroladas de restos de obra, colchóns, váteres, mobles e todo tipo de aveños, cansámonos de chamar á Policía Local, cada certo tempo retíranos pero aos dous días volve outra vez para aparecer máis lixo", quéixanse.

Case a diario atopámonos con verteduras incontroladas de restos de obra, colchóns, váteres, mobles e todo tipo de aveños

Estes contedores conviven coa maleza que ocupa a parcela que discorre dende a rúa Eduardo Blanco Amor ata un longo tramo de Escultor Acuña. Estes terreos pertencen a Adif, "que os ten completamente abandonados", polo que os residentes piden que o Concello poida instar a este organismo público para que respecte unha servidume de paso e que, en caso de non estar disposto a levar tarefas de limpeza e mantemento da parcela, a ceda para a dotación dun parque público. "Esta maleza, que alcanza varios metros, é o foco de onde saen as ratas, serpes e unha chea de bichos, ademais dos problemas que provoca a herba da pampa que campa ás súas anchas". 

Recentemente, un camión de grandes dimensións derrubou parte do valo, polo que estes veciños tamén alertan sobre a necesidade de que se limite nesta zona o tránsito de vehículos de gran tonelaxe, e mesmo que se coloque unha sinalización vertical de límite 20.

En 2022 o Grupo Municipal do Partido Popular presentou unha moción no Pleno da Corporación onde solicitaba "adoptar medidas urxentes de mantemento e mellora do barrio de Fontesanta e, segundo nos confirmaron, foi aprobada unanimemente, aínda que, a día de hoxe, seguimos sen ter avances". 

O mesmo PP interesouse recentemente polo estado do barrio e os concelleiros Silvia Junco e Iago Acuña asistiron a unha reunión de veciños tomando nota das súas demandas. Mentres estes residentes redactan un novo escrito documentado no que requiren o Concello para que lles conteste cales son os plans para o barrio e se esas "medidas urxentes" de hai dous anos está previsto aplicalas en breve, o PP estuda volver levar o tema a Pleno.