O centro social de Lusquiños acolleu este sábado 21 a sétima edición da Festa da Investigación de Tomeza, que organiza a pontevedresa Loli Beloso.
Nesta ocasión recadáronse 3.000 euros que se destinan áFundación Pública Galega de Medicina Xenómica, que dirixe Ángel Carracedo. O investigador e catedrático de Medicina Legal acudía á cita e agradeceu o esforzo aos asistentes por realizar esta doazón.
Durante a sesión, Loli Beloso entregaba a Mario Rodríguez, propietario de Cerámica da Ulla, un bosquexo para que se elabore unha Virxe Peregrina coa que recadar fondos destinados ao mesmo fin.
Durante a sesión incidiuse na necesidade de conservar o legado de Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane mantendo o Laboratorio de Formas.
Tamén se presentou o libro de poemas de Loli Beloso, que leva por título 'Criaturiña'. O evento contou cun recital poético a cargo de Leonardo Tomás Sánchez Vermellas, Carlota Chan Reguera, Isabel Baena Serantes e Xiana Vidal García. Tamén participou Miguel Martínez, cantautor de Combarro, achegando unha actuación musical.