Entrega de chaves na inauguración do cambiador inclusivo da Praza de Galicia

Pontevedra
03 de abril 2023

Unha representación de integrantes de Amencer-Aspace, Asseii, Amizade e Asem Galicia participaron nun encontro informativo cos concelleiros Iván Puentes, Marcos Rey e Yoya Blanco; o director da asociación Cambiadores Inclusivos, Eriz Delgado, e o CEO de Gaman Diversidade e Inclusión, Andoni Etxebarria durante a mañá deste luns 3 de abril

Inauguración do cambiador inclusivo na Praza de Galicia
Inauguración do cambiador inclusivo na Praza de Galicia / Concello de Pontevedra

Desde este luns 3 de abril xa está dispoñible o cambiador inclusivo situado na Praza de Galicia. Ao acto de inauguración acudía un amplo grupo de integrantes de colectivos con posibles persoas usuarias deste espazo como Amencer-Aspace; Asseii; Amizade; e Asem Galicia.

Neste encontro participaban tamén Iván Puentes, portavoz municipal do PSOE; Marcos Rey e Yoya Blanco, concelleiros socialistas do goberno local. Durante este acto mostráronse os elementos e funcións que ofrece este novo servizo, que contou coa intervención do director da asociación Cambiadores Inclusivos e o CEO da firma Gaman Diversidade e Inclusión, Andoni Etxebarría.

Tamén se entregaron os primeiros xogos de chaves deste proxecto piloto, que permanecerá activo durante tres meses. Ao longo deste período de experiencia, os integrantes das asociacións terán a posibilidade de probar o funcionamento e realizar propostas para a mellora do servizo. 

 O cambiador inclusivo ofrece unha ducha, un inodoro e unha padiola nun espazo de doce metros cadrados, especialmente deseñado para persoas con grandes ou complexas necesidades de asistencia na hixiene ofrecendo cobertura ás necesidades básicas para o aseo persoal que os baños accesibles estándar non satisfán a través dun ambiente seguro e limpo; equipos axeitados; espazo amplo para permitir a asistencia de ata dúas persoas; e control de acceso xestionado e coordinado.