Entrega de mochilas de material escolar da man da Fundación Amigos de Galicia

Pontevedra
20 de setembro 2021

O acto desenvolvíase este luns no salón de actos do edificio azul da Xunta de Galicia en Benito Corbal. O director xeral de Fundación Amigos de Galicia, Jesús Busto Peteiro, e Ramón Pereiro, xefe territorial de Pontevedra da Xunta, realizaron a entrega dentro da campaña 'Nas súas mochilas o seu futuro'

Representantes da Fundación Amigos de Galicia entregan as mochilas Mónica Patxot

Familias atendidas por Fundación Amigos de Galicia recibían durante a mañá deste luns as mochilas con material escolar destinadas a menores que comezan estes días o curso. O acto desenvolvíase no salón de actos do edificio azul da Xunta en Benito Corbal. 

Jesús Busto Peteiro, director xeral de Fundación Amigos de Galicia, e Ramón Pereiro, xefe territorial de Pontevedra da Xunta, encargáronse de realizar as entregas para axudar a familias en situación de carencia de recursos económicos, dentro da campaña 'Nas súas mochilas o seu futuro'.

Busto indicaba que estas actuacións axudan a familias que se atopan nunha situación de emerxencia social, con menores ao seu cargo, nun momento de crise socioeconómica. Nas mochilas entréganse tamén lapis, cadernos, ceras, gomas, compás, regras, material de debuxo, dispositivos informáticos, ademais de máscaras e portamáscaras adaptadas a cada ciclo educativo.

Ao longo de todo o mes, a Fundación entregará 974 mochilas en diferentes municipios de Galicia. Este colectivo tamén traballa para superar a fenda dixital, co obxectivo de facilitar o acceso a unha educación de calidade a persoas que carecen de novas tecnoloxías.

Aquelas persoas que queiran colaborar con esta campaña ao longo do mes de setembro poden facelo a través dos seguintes métodos:

-    Doazón sen contacto: Cunha achega económica a través da web da entidade, comprando unha das tres mochilas tipo.

-    Doazón de material escolar novo nalgún dos puntos de recollida habilitados para as doazóns; e que tamén están reflectidos na páxina web da entidade.

-    Doazón a través de BIZUM: seleccionando facer un donativo e poñendo o código 02735.